+034 986 09 02 04 Mércores 23 de Setembro de 2020

CARLOS FONT RECLAMA EN TERUEL ANTE O CUMIO DA FEMP DAS VILAS TERMAIS A PROPIEDADE PÚBLICA DAS AUGAS MINEIRO-MEDICINAIS


A Deputación volve a esixir á Xunta que a titularidade e explotación das augas sexa pública. “Unha lei para salvagardar intereses privados cun recurso como a auga é indefendible”

A Deputación de Pontevedra insistiu hoxe na súa esixencia de que a titularidade e explotación das augas termais sexa pública, segundo manifestou o deputado Carlos López Font na súa intervención ante a décima terceira xuntanza da Asociación de Vilas Termais da Federación Estatal de Municipios y Provincias (FEMP) que se celebra na localidade de Ariño (Teruel).

López Font subliñou que na provincia de Pontevedra existe “moita preocupación” ante a normativa que está a preparar a Xunta de Galicia na que se mantén a situación da explotación das augas termais en mans privadas. O deputado provincial foi contundente ao subliñar que a Deputación considera que a titularidade e explotación das augas mineiro-medicinais debe ser pública, tal e como reivindica a propia FEMP e que veñen defendendo os alcaldes e alcaldesas da provincia. “Así ocorre en comunidades como Aragón ou Andalucía, e o mellor exemplo témolo nesta mesma vila de Ariño, onde as instalacións de aproveitamento das augas termais son públicas”, destacou Font, que subliñou que “esta esixencia xa foi plasmada na anterior xuntanza das Vilas Termais da FEMP que se celebrou en Caldas e que foi totalmente asumida pola propia Federación Estatal de Municipios e Provincias”

Neste décimo terceiro cumio das Vilas Termais da FEMP a Deputación de Pontevedra presentou o seu proxecto de e aplicación das tecnoloxías da información para acercar aos visitantes informacións complementarias das sete vilas termais da provincia a través da aplicación de códigos QR en paneis que se encontran nas propias localidades. Estes paneis contan cunha fotografía antiga da vila e un mapa co resto dos concellos termais da provincia. A través do móbil, as persoas visitantes poderán acceder a unha información en galego, castelán e inglés, máis ampla que a que se atopa no panel, ben accedendo a través da páxina web, ben escaneando o código QR ou coa tecnoloxía NFC, moi empregada por persoas con diversidade funcional. A información que achegan os códigos permiten ver máis fotografías, facer navegacións e recibir datos relativos a localidades situadas preto de cada unha das vilas termais e os seus recursos turísticos e naturais.

Na súa intervención, López Font tamén fixo referencia ao acordo adoptado en Caldas na xuntanza do ano pasado para que o Ministerio de Fomento acometa a sinalización das vilas termais nas estradas e autovías de titularidade estatal.

Deja un comentario