+034 986 09 02 04 Venres 25 de Maio de 2018

MONDARIZ PIDE Á DEPUTACIÓN UNHA PROPOSTA ALTERNATIVA PARA O ARRANXO DA PO-4306 DE PONTE DO VAL A BARCIADEMERA


O Goberno local pon en coñecemento da Deputación as dificultades atopadas para recoller datos previos á realización desta obra
O Concello de Mondariz vén de poñer en coñecemento da Deputación provincial as dificultades atopadas á hora de realizar os traballos de recollida de datos, previos á realización da mellora da estrada provincial PO-4306 de Ponte do Val a Barciademera.
Dita obra é considerada polo Executivo local como “de extraordinaria importancia” para o Concello dado que, sinalan “non só é unha vía de comunicación co veciño concello de Covelo, senón que é a única conexión que teñen os veciños da parroquia de Sabaxáns para acceder ao núcleo urbano de Mondariz”.
Na actualidade, esta vía de comunicación é unha estrada excesivamente estreita, “tanto que o transporte público ten serias dificultades para transitar por ela”. Dada a importancia desta vía, o Concello solicitou á Deputación de Pontevedra o seu arranxo como titular da mesma, tendo a administración local que desenvolver os traballos premios de recollida de datos e contacto cos propietarios afectados.
Unha vez realizados estes trámites previos, o Goberno local vén de comunicar á Deputación “as dificultades ou incidencias” atopadas como e o feito de que, algúns veciños, “non están dispostos a asinar a cesión dos terreos afectados ao considerar que se deben formular outras opcións”.
Á vista da situación, o Concello vén de pedir á Deputación “a elaboración dunha proposta alternativa”, proposta que, sinala o alcalde Montes Bugarín, “sería consensuada entre a Deputación, o Concello e os veciños e veciñas” ofrecéndose o Concello de Mondariz para prestar “toda a colaboración posible “tanto á hora de elaborar unha proposta definitiva coma á para colaborar coa veciñanza”.
En todo caso, o alcalde Xoán Carlos Montes Bugarín recalca “a extraordinaria importancia que esta estrada ten para os veciños e veciñas” ao ser “unha vía de comunicación esencial para a cohesión do municipio”.

Deja un comentario