+034 986 09 02 04 Mércores 22 de Agosto de 2018

O CONCELLO DE MONDARIZ ORGANIZA UN CURSO DE “IMPULSO AO EMPREGO FEMININO”


A actividade busca dotar ás mulleres de coñecementos que lles permitan competir no mercado laboral con maiores posibilidades de éxito
O Concello de Mondariz desenvolverá, entre os días 3 e 24 de maio, un curso de ‘Impulso ao emprego feminino’, iniciativa que conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra e que dotar ás mulleres participantes de capacidades e coñecementos que permitan mellorar as súas posibilidades de atopar emprego.
O curso traballará temas como o autoñecemento, automotivación, o entorno de traballo (saber que é o que buscan as empresas), coñecemento de ferramentas que permitan unha maior organización da procura de emprego, estratexia e plan de procura de emprego propias e como preparar unha entrevista de traballo.
Búscase, en resumo, dar un enfoque realista á complexa tarefa de procurar emprego e dotar ás mulleres participantes das ferramentas que lles permitan acceder a un mercado de emprego, cada días máis competitivo e especializado, con maiores garantías.
O curso de ‘Impulso ao emprego feminino’, unha vez explicadas e melloradas as habilidades persoais e profesionais, rematará cun plan de acción personalizado para pasar á acción inmediata.
As clases desenvolveranse en horario de 09:30 h a 13:30 horas do 3 ao 24 de maio para completar un total de 24 horas lectivas. A inscrición, totalmente gratuíta, pode formalizarse no Concello de Mondariz ata o vindeiro día 27 de abril.
O alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes Bugarín, subliñaba a importancia desta actividade xa que, dixo, “vai especificamente dirixida a un dos sectores máis vulnerables á hora de falar de emprego, como é o das mulleres”.
Nese sentido, Montes Bugarín asegurou que o Goberno de AporM, seguirá poñendo “todas as ferramentas precisas, dentro das limitadas competencias que teñen os concellos en materia de emprego, para que veciñas e veciños poidan adquirir as capacidades necesarias que lles permitan competir, en igualdade de condicións, no mercado do traballo”.
Que os nosos cidadáns e cidadás poidan atopar un emprego digno, remata o alcalde de Mondariz, “e o primeiro paso e o máis importante se cadra, para asentar poboación e conseguir o desenvolvemento que todos queremos para o municipio”.

Deja un comentario