+034 986 09 02 04 Mércores 23 de Setembro de 2020

AS MULLERES TRUNFAN NOS CONCURSOS DE CARTEIS E FOTOGRAFÍA DA FESTA DA TROITA


Catro mozas de Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade recibiron os diplomas acreditativos

As catro gañadoras dos concursos de carteis e fotografías da 52ª edición da Festa da Troita recibiron onte os seus diplomas acreditativos e recibiron a felicitación do alcalde, Andrés Díaz, quen destacou o feito de que a creatividade caldelá está nas mans das mulleres.
Os concursos resolvéronse co voto da veciñanza, que tivo a ocasión de votar presencial e telematicamente, a partir da preselección realizada por un xurado mixto, no que estiveron presentes profesionais da imaxe, pero tamén membros do Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG).
A autora do cartel gañador, baixo o lema “O cuarto elemento es ti”, resultou ser Patricia Ricón Rodríguez, veciña de Cerdedo-Cotobade. Patricia, que traballa nunha axencia compostelá como planificadora de medios, subliñou que está máis satisfeita de ver o seu cartel publicado que do premio económico de 400 euros.
Explicou que o cartel desenvolveuse a partir do uso dunha tipografía que parece deformar os caracteres como se estivesen somerxidos na auga. “A partir de aí todo saíu só”, engadiu. Patricia destaca que xa ten ideas para o concurso do ano próximo.
O primeiro premio do concurso de fotografía foi para Ángeles Boullosa Ventín, veciña da Sorreira (Ponte Caldelas), cunha imaxe titulada “O marmurio do río” que representa un carballo situado ao comezo do Sendeiro Azul. Foi unha fotografía que non tomou para o concurso e que retrata unha árbore pola que sente unha especial atracción. Está dotado con 300 euros.
O segundo premio foi para imaxe “Augas cristalinas”, de Zaida Barreiro Vidal, veciña de Ponte Caldelas. A foto foi capturada cun teléfono móbil na praia da Calzada e representa o outono, cunhas follas en primeiro plano e as augas do Verdugo detrás. O premio é de 200 euros.
O terceiro premio correspondeu ao traballo titulado “Cando as troitas durmen”, de Vanessa Veiga Castro, tamén veciña de Ponte Caldelas. Unha imaxe nocturna que tomou o pasado Nadal dun dos patos do Verdugo. A ponte ao fondo e o reflexo dos arcos ornamentais na lámina de auga. Vanessa levaba varios anos presentándose ao concurso ata que este ano acadou o obxectivo. A súa perseverancia garántelle 100 euros.
Por outra banda, nos próximos días entregaranse os premios aos alumnos/as dos colexios da Reigosa e Cordo Boullosa, gañadores do concurso de Redacción da Festa da Troita.

Deja un comentario