+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Agosto de 2018

AS 25 DEGUSTACIÓNS DA FESTA DA TROITA POR TODO O RURAL DE PONTE CALDELAS BOTAN A ANDAR ESTE DOMINGO


O Goberno local estima que se consumirán unhas 1.500 racións de peixe nun intenso calendario polas Casas do Pobo, que remata o 25 de maio

A Casa do Pobo de Anceu dará este ano o pistoletazo de saída ao calendario de degustacións previo á Festa da Troita, deseñado polo Goberno local para espallar a celebración gastronómica por todo o municipio. Serán un total de 25 paradas para promocionar esta LII edición, que chegará, como sempre, na última fin de semana deste mes de maio.
As degustacións polas parroquias comezan así este domingo, día 29 de abril, e rematarán o 25 de maio en Regodobargo, un dos lugares onde estas celebracións atopan sempre a colaboración e entusiasmo da veciñanza.
O esquema desta xeira, que leva a Festa da Troita por todo o rural de Ponte Caldelas facendo así partícipe a todo o municipio, é o mesmo que o dos tres últimos anos. O Concello volverá contar coa inestimable colaboración dos cociñeiros que se ocupan do cociñado da troita nas dúas modalidades (fritida e en escabeche). Trátase de José Antonio Rocha, Lino Mariño, Alejandro Rocha, Enrique Lafuente, Dolores Padín, Sandra Gil, José Manuel Corbacho e José Luis Reimúndez, un grupo de profesionais aos que o equipo de goberno (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) volve expresar o seu agradecemento.
Despois do importante crecemento experimentado o ano pasado agárdase un consumo equivalente, alcanzando as 1.500 racións ao longo destas 25 noites.
Por outra banda, o Concello anuncia que o prezo das racións de troita, durante a festa e as degustacións, manterase nos 3 euros, incluíndo pan e viño. O mesmo prezo ao que servirá durante a Festa da Troita, na Alameda de Ponte Caldelas, que este ano coincide nas xornadas do sábado, 26, e domingo, 27 de maio.
O calendario comeza este domingo en Anceu, e continúa o luns, día 30 en Pazos. O 1 de maio hai parada en Contixe, o día 2 en A Roca, o 3 en Taboadelo, o 4 na Reigosa, o 5 na Insua, o domingo 6 en Baltar, o 7 en Paradela e Gradín, o 8 en Parada, o 9 en Mirón, o 10 en Chaín, o 11 en Cuñas, o 12 en Vilarchán, o domingo 13 en Laxoso, o 14 en Buchabade, o 15 en Esfarrapada, o 16 en Forzáns, o 17 de maio Día das Letras Galegas non hai degustación. Continúase o 18 en Silvoso e o 19 en Xustáns. O domingo, 20 de maio tampouco hai degustación. Segue o calendario o luns, 21, na Fraga e Caritel, o 22 de maio en Barbudo, o 23 en Tourón, o 24 en Rebordelo e Coveliño e, finalmente, o 25 de maio en Regodobargo.

Deja un comentario