+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Agosto de 2018

A DEPUTACIÓN FINALIZA A OBRA DE MELLORA DA ESTRADA PROVINCIAL SERRAPIO-PORTELA EN CERDEDO-COTOBADE


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez instou á veciñanza a ver ‘in situ’ o resultado final da actuación na estrada
O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vén de finalizar as obras de mellora da estrada provincial EP-7102 Serrapio-Portela en Cerdedo-Cotobade logo de que a empresa realizara os traballos de pintado da sinalización horizontal aproveitando o bo tempo dos últimos días. O deputado de Mobilidade Uxío Benítez, unha vez visto o final dos traballos, corroborou a súa satisfacción polo resultado da mellora da estrada, que definiu como “de grande calidade” para dar resposta ás necesidades da veciñanza da zona e aumentar a seguranza viaria.

“Este proxecto supón unha mellora clara, e os veciños e veciñas non teñen máis que velo ‘in situ’. A actuación é máis ambiciosa que a que propoñía o anterior goberno provincial polo seu ámbito de actuación e orzamento, ademais de por incluír elementos de calmado de tráfico que antes non estaban contemplados. É unha obra moi digna para Cerdedo-Cotobade”, subliñou o nacionalista. Lembrou, así mesmo, que a Xunta de Galicia vén de licitar un proxecto para a estrada autonómica que conecta con esta vía provincial mantendo as características de sección aplicadas pola Deputación: sete metros de largo.

A obra na estrada tivo un orzamento de licitación de 240.822 euros. O ámbito de actuación abrangueu case dous quilómetros da estrada. Por treitos, nos primeiros 1.440 metros pavimentáronse sete metros de sección con dous carrís de tres metros e unha beiravía asfaltada a cada lado -ademais dun sobreancho sen novo aglomerado-. A zona da ponte mantén a súa sección e inclúe dous redutores físicos de velocidade á entrada e saída, delimitando ‘unha zona 30’ pola presenza do estreitamento.
Nos trescentos metros do segundo treito -en Aldea de Bugarín- instaláronse outros dous redutores de velocidade á entrada e á saída, e renovouse o firme mantendo a sección que había pola presenza de edificacións. No terceiro ámbito pasouse dunha sección de 4,5 metros a 7 metros, para o que foi preciso un recheo e finalmente no cuarto treito (PQ 1+800 a 1+890) pavimentáronse os sete metros de largo da nova variante.
O deputado Benítez defenderá esta actuación este venres no Pleno da Corporación ante a presentación por parte do grupo provincial do PP dunha moción que pide a modificación da obra para ampliar a sección ata os nove metros, cuestión que foi desbotada dende o primeiro momento polos técnicos provinciais tanto pola tipoloxía da vía e a súa ubicación como polo número de usuarios e usuarias diarios: unha media de 17 vehículos segundo dos datos do estudo de aforos realizado pola empresa Iceacsa Consultores.

Deja un comentario