+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A ‘GUÍA DE MOBILIDADE AMABLE’ DA DEPUTACIÓN, CONSIDERADA UN “ÉXITO” POLA ASOCIACIÓN ESPAÑOLA DE LA CARRETERA EN VALENCIA


O director de Mobilidade Daniel Romay analizou hoxe no simposio #24Vyodeal os documentos que rexen as actuacións de mobilidade provincial: a ordenanza de seguranza viaria, o decálogo de criterios e a nova guía

A nova ‘Guía Básica de Espazos Públicos e Mobilidade Amable’ foi cualificada polos membros da Asociación Española de la Carretera reunidos no 24 simposio de ‘Vías y o obras de la Administración Local’ como unha ferramenta “de éxito” para xestionar as redes de estradas locais. Así o manifestaron os asistentes tras escoitar o relatorio do director de Mobilidade provincial da Deputación, Daniel Romay, quen fixo unha análise dos documentos que reúnen a filosofía do novo goberno e nos que se basean as actuacións de mobilidade provincial: a ordenanza de seguranza viaria de 2013, o decálogo de criterios de actuación e a nova guía.

Romay, xunto co deputado de Mobilidade Uxío Benítez, atendeu interesantes preguntas sobre cuestións concretas da guía, que xa fora consultada previamente por moitos dos asistentes ao encontro de mobilidade dende o momento que se colgara en formato dixital na páxina web da Deputación (www.depo.gal). Deste xeito, confirmouse o interese xa mostrado con anterioridade por moitas institución que se puxeran en contacto cos técnicos provinciais para facerse cun exemplar do documento, destacando que realmente funcionará como un “manual de referencia” para aclarar tanto cuestións de concepto como atopar solucións prácticas para realizar obras para institucións, administracións e asociacións non só galegas, senón tamén do resto do estado español.

Entre as preguntas máis reiteradas estaban as relativas ás características dos itinerarios peonís ou as tipoloxías máis axeitadas de redutores de velocidade. Tamén se falou de como se deben mellorar estradas para potenciar a seguranza viaria e facer convivir diferentes mobilidades nun mesmo espazo. En concreto, tal e como ocorrera no día anterior, foi moi aplaudida a instalación de ‘lombos’ a través do Plan Móvese, que responsables doutras administracións dixeron directamente que ían “copiar”, como ocorreu con representantes do Cabildo de Tenerife. Tamén foron moitos os representantes de institución que manifestaron o seu interese en desplazarse á provincia pontevedresa para coñecer ‘in situ’ o seu modelo.

 

Mobilidade amable
O director de Mobilidade comezou a súa exposición lembrando que a Deputación de Pontevedra é das poucas que dispoñen dunha ordenanza que regula as vías provinciais en canto a seguranza viaria e conservación e mantemento. Destacou que fora aprobada en 2012 e que, a pesares de ser un documento base ben estruturado, precisou ser desenvolvida posteriormente, tal e como estaba previsto. Deste xeito, dixo Romay, foi creado o decálogo de criterios de actuación nas vías provinciais, aprobado polo Pleno da Corporación en xaneiro de 2016, no que se aclarou de xeito específico a filosofía de mobilidade sustentable defendida polo novo goberno da Deputación, seguindo o criterio de que a principal prioridade é deseñar espazos e infraestruturas viarias para as persoas.

A partir de aí, indicou Romay, quíxose seguir afondando no desenvolvemento das indicacións e contratouse unha asistencia técnica ao enxeñeiro de camiños e experto en mobilidade urbana Fernando Nebot, que traballou de xeito colectivo xunto ao persoal e asesores provinciais co obxectivo de facer un documento completo tanto de aspectos teóricos como práctico.

Hai que lembrar que a guía ten apartados referidos á ‘Cidade como escenario de encontro para a construción da vida colectiva e á rúa como espazo multifuncional’, ‘Criterios xerais: o contexto da proposta peonil e a integración do peón no feito urbano e rururbano’, as ‘Novas prioridades no deseño e uso da rúa e das vías públicas’, ‘Recomendacións de deseño de vías e espazos públicos para o fomento da mobilidade amable, a seguridade viaria e a calidade urbana’, ‘Características técnicas do redutores e lombos’, así como un epílogo. Tamén hai catro anexos nos que se fala de ‘PPS e mesetas. Casos específicos: rúas e estradas con pendentes significativas desenvolvidas pola Deputación de Pontevedra’, ‘Redutores físicos de velocidade circulares. Algúns exemplos desenvolvidos pola DEPO’, ‘ Proposta de instrución de deseño de dispositivos de precaución da DEPO’ e ‘Proposta de protocolo de actuación de seguridade viaria na DEPO’.

Polo de agora a ‘Guía de mobilidade’ pode consultarse e descargarse na páxina web da Deputación tanto en galego como en español. Para o simposio do Vyodeal editouse unha edición limitada en español, que será completada cunha tirada máis ampla en galego.

Deja un comentario