+034 986 09 02 04 Venres 25 de Maio de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O CENTRO PRÍNCIPE FELIPE PUBLICA POR PRIMEIRA VEZ AS BASES DE ACOLLEMENTO EN RÉXIME RESIDENCIAL


 

Con estas novas bases, unidas ás bases de admisión no centro de día, avanza na protocolarización do seu funcionamento e supera a eiva que existía ao non contar con bases elaboradas nin publicadas
Foron presentadas esta mañá nunha xuntanza informativa ante os técnicos de Servizos Sociais dos concellos da provincia

O vindeiro luns está previsto que saian publicadas no BOPPO as Bases reguladoras do procedemento de admisión en réxime residencial en Príncipe Felipe para o curso 2018-2019. Será a primeira vez que se elaboran e publican as bases que regulan o que comunmente se coñece como “réxime de internamento” en Príncipe Felipe, protocolarizando de xeito formal o funcionamento deste tipo de réxime residencial. Para explicar tanto o contido do que se establece nas bases como as novidades introducidas, a Deputación convocou ás e aos técnicos de Servizos Sociais dos concellos da provincia a unha xuntanza informativa que estivo presidida pola deputada delegada de Príncipe Felipe, Eva Vilaverde, e polo director do centro, Xosé Ramón Couto. “Este proceso de ir protocolarizando tanto o funcionamento interno como externo do centro permítenos avanzar nos dous obxectivos fundamentais que nos plantexamos desde o comezo, que eran o de optimizar recursos e o de mellorar a calidade do servizo que prestamos” asegurou Eva Vilaverde durante a súa intervención.
Estas bases recollen as características da atención en réxime residencial e informan sobre aspectos relacionados con este tipo de atención. Así mesmo, tamén establecen os criterios de atención, a baremación para a admisión dos e das menores, a publicación de listaxes provisionais e definitivas, e os prazos para reclamacións. Tamén establecen o funcionamento das baixas e a revisión anual de permanencia dos e das menores acollidas. Precisamente, neste último punto é onde se introduce o cambio máis novidoso, xa que as revisións da permanencia non estaban establecidas. A partires do vindeiro curso, realizaranse avaliacións para comprobar se as condicións que levaron ao acollemento en réxime residencial do ou da menor se seguen mantendo para o seguinte curso.

Acollemento en réxime residencial
Hai que lembrar que o acollemento en réxime residencial está vinculado ao curso escolar e se realiza naqueles casos que superan os recursos propios dos concellos pero que non entran nos casos de acollemento da Consellería de Política Social –tales como situacións de risco e desamparo, ou necesidades de atención en centros específicos por cuestións de trastornos mentais, de conduta, desenvolvemento, toxicomanías, etc-.
Os e as menores en acollemento en réxime residencial teñen que cumprir o requisito de estar escolarizadas en centros públicos, polo que a idade mínima se establece nos 3 anos, e a idade máxima estipúlase en 16 anos antes da data de ingreso – que sempre é setembro- , aínda que con carácter excepcional, e só para menores que xa están dentro do réxime residencial, se pode ampliar ata os 18 anos, nos casos que sexa preciso para a finalización dos seus estudos ou ante a perspectiva dunha inserción laboral. En canto aos criterios de valoración para o seu ingreso teranse en conta cuestións relacionadas coa unidade familiar relativas á súa situación económica e factores relacionados coa saúde, como poden ser membros con discapacidade, enfermidades crónicas ou adicións. Tamén se terá en conta a situación sociolaboral dos proxenitores ou dos titores legais, como son as situacións de desemprego e se son familias monoparentais. En canto á situación social e psicolóxica do ou da menor, a avaliación correrá a cargo das traballadoras sociais e das psicólogas de Príncipe Felipe.
No presente curso, os tres centros de acollemento en réxime residencial de Príncipe Felipe, contabilizan un total de 20 menores. Todas as solicitudes para o acollemento deben estar avaladas polos Servizos Sociais dos concellos, e a persoa menor debe estar empadroada e residir de xeito efectivo nalgún concello da provincia de Pontevedra. O réxime residencial ten como obxectivo fundamental protexer e asegurar o benestar daqueles menores procedentes de familias con dificultades de risco psicosocial e garantirlles o exercicio do seu dereito a recibir educación e unha atención integral nun marco de convivencia normalizado.

Deja un comentario