+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Agosto de 2018

O GOBERNO DESTINA 306.000 EUROS PARA A REFORMA DO LOCAL DA BANDA DE TENORIO E A REHABILITACIÓN DOS BAÑOS DE SAN XUSTO


Destinaranse 120.000 para o recinto do colectivo musical e 186.000 de aportación municipal ao proxecto da Xunta no espazo termal

O goberno local de Cerdedo-Cotobade vén de aprobar, na sesión plenaria extraordinaria celebrada esta mañá para abordar diversas cuestións económicas, o destino de
306.000 euros para a execución do proxecto de reforma e modernización do local social da Banda de Música de Tenorio e para a rehabilitación dos Baños de San Xusto, que xa son de titularidade municipal tras rematar un complexo proceso administrativo.

O executivo presentou ante o pleno a solicitude dun crédito extraordinario con cargo ao remanente de tesourería –unha fórmula habitual para poder acometer investimentos e servizos públicos cando a situación económica é saneada e hai fondos dispoñibles– e o mesmo quedou aprobado cun desglose de 120.000 euros para as obras no recinto do colectivo musical e os
186.000 restantes para sufragar a aportación municipal no acondicionamento deste antigo complexo termal á beira do río Lérez.

Precisamente, o Concello de Cerdedo-Cotobade vén de recibir recentemente a comunicación por parte da Xunta de Galicia da aprobación do proxecto de rehabilitación dos Baños de San Xusto, que contará cun orzamento global de 687.000 euros e que pretende recuperar unha contorna moi visitada polo poder medicinal das súas augas sulfurosas e pola súa beleza durante a primeira metade do século XX.

O presidente municipal, Jorge Cubela, acudiu á primeira hora de hoxe ata os Baños de San Xusto para comprobar no terreo certos detalles sobre a súa rehabilitación e dar as explicacións da mesma ante o pleno. “Trátase dunha actuación ambiciosa polo que vin no proxecto e comprobei na mesma zona, xa que pretende acondicionar esta zona e crear unha especie de complexo termal ao aire libre que cremos que vai ter moito éxito e que ademais servirá para poñer en valor a historia e o patrimonio destes baños”, indicou.

Orzamentos 2018 cunha soa adicación

Ademais, o executivo tamén aprobou, no citado pleno, o proxecto de Orzamentos Municipais
2018, que chega aos 5,11 millóns de euros tras crecer un 3,3% respecto ao do ano anterior.

As contas municipais caracterízanse pola conxelación de impostos, a contención do gasto mantendo unha soa adicación exclusiva, a situación de débeda cero, o reforzo dos servizos públicos e un amplo Plan de Investimentos con fondos propios que, coa engádega dos 306.000 euros para o local de Tenorio e os Baños de San Xusto, chega ata os 1,88 millóns de euros. Cómpre lembrar que xa estaban contemplados 1,33 millóns para vías, saneamentos, parques infantís e centros veciñais e 250.000 euros máis en subvencións nominativas para a construción de depósitos de augas e melloras no abastecemento en dez parroquias.

Ademais, estes investimentos propios completaranse, ata chegar a un total de 8,5 millóns neste ano, cos 6,6 millóns que investirán outras administracións no saneamento de Tenorio, a rehabilitación das antigas vivendas dos mestres de Cerdedo, a residencia de Cerdedo, a urbanización e aparcadoiro público na Chan, a mellora da estrada PO-230 e a citada rehabilitación dos Baños de San Xusto.

Deja un comentario