+034 986 09 02 04 Venres 14 de Agosto de 2020

O CONCELLO DE BUEU PRESENTARÁ ALEGACIÓNS AO PRUX DA ILLA DE ONS


 A fin de tratar este tema, convócase unha reunión con toda a veciñanza da illa o próximo xoves, 3 de maio, ás 18.30 h no auditorio do IES Johán Carballeira
O Concello de Bueu presentará alegacións ao borrador Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Nacional Marítimo das Illas Atlánticas de Galicia, con respecto á Illa de Ons, pertencente ao termo municipal desta vila. Por iso, dende a concellaría de medio ambiente xa se está elaborando un borrador que consta de catro puntos principais: a necesidade dunha cota de visitantes ás Illas do Parque adaptadas á singularidade de Ons, o impulso da participación cidadá e a cooperación entre administracións, o desenvolvemento do ámbito cultural, así como actuacións e infraestruturas varias.
Co fin de consensuar o documento definitivo que se deberá enviar antes do 7 de maio, o goberno local decidiu convocar unha reunión o vindeiro 3 de maio, ás 18.30 horas, con toda a veciñanza do arquipélago no Auditorio do IES Johán Carballeira.
As alegacións que se remitirán dende o Concello van incidir de xeito importante na cuestión da cota de visitantes, tendo en conta que na Illa de Ons existen vivendas que pertencen a concesionarios, aos que claramente tería que deixarse fóra desta cota. Así mesmo, dentro dos visitantes que accedan dende as navieiras proponse reservar arredor de entre 100-150 persoas que estean vinculadas de forma indirecta aos ámbitos familiares dos titulares das vivendas.
En canto á participación cidadá, apúntase a creación dunha mesa intersectorial ou sectorial específica para a Illa de Ons, na que se integrasen a Xunta de Galicia, o Concello de Bueu, a veciñanza e o Padroado do Parque Nacional. Con este órgano trataríase de buscar a cooperación entre administracións, así como o impulso de iniciativas e actuacións de interese para o conxunto da Illa de Ons e da súa poboación.
A seguinte alegación alude ao programa de conservación do patrimonio cultural, no que o goberno local entende que se debería deseñar un plan de actuación para a conservación do patrimonio inmaterial e socio – lingüístico, así como poñer en valor os Faros do parque, dende un punto de vista cultural e público.
E no último apartado, referente a actuacións e infraestruturas, sería necesario dar solución para a falta de servizo de auga, así como á da carestía no subministro eléctrico, demandas históricas da poboación local. Tamén é necesaria a creación dun servizo con persoal técnico para impulsar emprego verde e dende o punto de vista sostible, así como a mellora substancial da depuradora de Ons, sita no barrio do Curro, e a prevención de incendios forestais.

Deja un comentario