+034 986 09 02 04 Venres 25 de Maio de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

BENÍTEZ ANUNCIA QUE A MELLORA DA ESTRADA PROVINCIAL QUE UNE A N-550 E PERDECANAI EN BARRO FINALIZARÁ A PRIMEIROS DO VERÁN


O deputado de Mobilidade asegura que se utilizará toda a consignación orzamentaria prevista -327.565 euros- para incluír melloras no proxecto por novas necesidades detectadas en obra
O deputado provincial de Mobilidade Uxío Benítez visitou hoxe as obras de mellora da estrada provincial EP-0505 entre a N-550 e a igrexa de Perdecanai en Barro, que afectan a máis de 1.200 metros de vía e teñen como obxecto renovar a capa de rodaxe de xeito integral, crear un espazo de tránsito peonil, instalar novo saneamento e tamén dispositivos de calmado de tráfico. Segundo indicou o nacionalista, é posible que os traballos –que teñen un prazo de execución formal de seis meses- adianten o seu fin ao inicio do verán xa que levan moi bo ritmo.
Benítez destacou que o máis significativo da obra que a Deputación está a executar en Barro grazas a un convenio de colaboración é que “será un símbolo de como se deben facer as cousas colaborando dúas administracións”. Lembrou que o alcalde plantexou a problemática da estrada con continuas obras pequenas “ou trapalladas” e puxo sobre a mesa a necesidade do saneamento. Foi entón, lembrou Benítez, cando se determinou a facer un proxecto completo e único. “Os recursos públicos son limitados, pero gastalos sen proxecto claro e definido e aos poucos, malgástanse moito máis. Houbo conexión entre Depo e Concello para facer un proxecto completo, que integrase toda a estrada ata a igrexa e que tivese en conta a tipoloxía da estrada que é máis municipal, por iso se contempla a transferencia ao municipio no convenio asinado”, explicou.

O nacionalista tamén subliñou que o proxecto supón unha actuación acorde aos novos criterios que ten a Deputación para as estradas provinciais, polo que haberá calmado de tráfico, garantindo que os vehículos vaian a 30 quilómetros por hora grazas a redutores físicos de velocidade e no que se vai garantir tamén un itinerario peonil “digno”, de 2,5 metros, como se están a marcar en todos os proxectos provinciais. “Iso vai significar que no resultado final se vexa unha actuación completa, definitiva, que dure varios mandatos en perfecto estado e non que os veciños teñan que soportar como a golpe de eleccións se van facendo pequenas actuacións”, dixo.

 

Varanda no río
O orzamento de licitación foi de 327.565 euros, e a pesares de que a obra foi adxudicada cunha baixa do 20% á empresa Nexia, vaise utilizar toda a consignación prevista debido á necesidade de facer algúns complementos por necesidades detectadas co inicio dos traballos, tales como a instalación dunha varanda na contorna do río para gañar seguridade, máis espazo ao itinerario peonil e para dar tamén un carácter máis de rúa a esta estrada. “Isto é o que queremos facer dende a Deputación, estradas que teñan tipoloxía e que sexan de accesos a núcleos de actuación pequenos, o que teñen que entenderse como rúas do territorio e, polo tanto, é onde hai que conducir devagar e garantir unha mobilidade peonil segura. Para nós as persoas son as primeiras receptoras das políticas”, dixo Benítez.
Pola súa parte, o alcalde Xosé Manuel Abraldes agradeceu o esforzo económico da Deputación por rematar definitivamente a obra e destacou que para o Concello “ver a estrada en obras e que sexan as obras definitivas é unha satisfacción e unha alegría”. Lembrou que a estrada que une a N-550 co centro da parroquia leva 12 anos en obras e “vela rematada definitivamente é unha tranquilidade, tanto pola seguranza da xente que circulamos por ela tanto en vehículo como andando, como por deixar de estar todo provisionalmente en obras, deixando todo rematado. Ao mesmo tempo que se fagan obras de saneamento e se fagan as melloras necesarias para que o día de mañá tamén esta zona poida gozar de todos os servicios públicos tamén é importante”.

Deja un comentario