+034 986 09 02 04 Venres 07 de Agosto de 2020

O MUSEO EDITA O CATÁLOGO SOBRE A MOSTRA ‘PONTEVEDRA SUITE’ COMO UNHA HOMENAXE PÓSTUMA A MANUEL MOLDES


A presentación terá lugar o vindeiro 3 de maio no Sexto Edificio
No catálogo, ademais do comisario Ángel Cerviño, tamén colaboran persoeiros como Miguel Fernández-Cid, Mariano H. de Ossorno, Ramón Rozas e Manuel Jabois
O Museo de Pontevedra edita o catálogo que recolle a proposta expositiva e as obras que formaron parte da mostra ‘Pontevedra Suite’ coma unha homenaxe póstuma ao pintor Manuel Moldes. A edición, que foi reformulada tras o pasamento do artista, inclúe ademais un DVD con material audiovisual tanto da montaxe da exposición como das propias obras xa expostas. Conta con colaboracións de persoeiros como Miguel Fernández Cid, Mariano H de Ossorno, Ramón Rozas, e Manuel Jabois, ademais do comisario, Ángel Cerviño, e do coordinador, Alberto González-Alegre. A presentación terá lugar no Sexto Edificio o vindeiro xoves día 3 de maio ás 20 horas.
“Que a última gran exposición de Manuel Moldes tivese lugar no Museo da súa cidade, na que el naceu e a que el escolleu para vivir e para traballar, e que este catálogo recolla toda a obra que el seleccionou, sobre todo da década dos 80, que foi a súa etapa dourada como artista, confírelle un valor aínda maior a este catálogo” asegura o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal. Unha idea na que tamén insiste o director do Museo, Carlos Valle asegurando que “se Manolo pasou á historia da arte foi precisamente pola obra do período dos anos 80 e o catálogo recolle a mostra e as obras que seleccionou o propio Manolo para reflexionar sobre esta etapa da súa produción”. Carlos Valle tamén indicou que o artista fora o encargado, no seu momento, de supervisar a estrutura e contido do catálogo inicial.
A publicación comeza cun texto de Ángel Cerviño e Alberto González- Alegre que leva por título “Pontevedra Suite. A recreación dun espazo simbólico”; continúa con “Moldes e Pontevedra Unha mirada crítica” da autoría de Miguel Fernández-Cid; con “Noticias que foron chegando (a modo de retallos que a memoria aguanta)” de Mariano H. de Ossorno; e “ No tempo da pintura na Pontevedra de sempre” de Ramón Rozas. O capítulo de colaboracións pecha con dous breves textos de Manuel Jabois que levan por título “ Moldes sen extinción”, e “A pintura é acción na procura da liberdade”.
Ademais de recoller toda a obra seleccionada para ‘Pontevedra Suite’, o catálogo tamén inclúe fotografías da acción que realizara Manuel Moldes na cristaleira exterior do Sexto Edificio nos día previos á inauguración da mostra, e tamén fotografías documentais da realización do mural ‘O río da vida’ nas instalacións da UNED .
Hai que lembrar que ‘Pontevedra Suite’ reunía obra de Manuel Moldes do período comprendido entre os anos 1983 e 1987, e incluía preto de 50 obras, algunhas delas de gran formato, correspondentes a series especialmente significativas na súa carreira. O período temporal escollido coincidía, ademais, coa renovación artística galega que chegara naquel momento da man do Grupo Atlántica. Un movemento do que fixera parte Manuel Moldes e que iniciara un camiño ligado á arte internacional e á consolidación da modernidade, a través da reinterpretación dos mitos ancestrais da cultura popular galega, do expresionismo rural e da contorna atlántica oceánica da que toma a súa denominación. No caso de Manuel espazo elixido fora Pontevedra como fío conceptual e como espazo simbólico de identidade, tanto individual como colectivo. ‘Pontevedra Suite’ puidera visitarse no Sexto Edificio entre o 27 de xullo e o 17 de setembro do pasado ano.

Deja un comentario