+034 986 09 02 04 Mércores 23 de Maio de 2018

FEIJÓO ANIMA AO SECTOR DA CONSERVA A SEGUIR CONSOLIDANDO A SÚA POSICIÓN DE LIDERADO COA BUSCA CONSTANTE DA CALIDADE E O AFÁN POLA INNOVACIÓN E A INTERNACIONALIZACIÓN


Afirma que é ese esforzo continuo por evolucionar é o que fai que, hoxe, Galicia sexa a primeira rexión europea e a segunda mundial na produción de conservas de peixe e marisco
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, animou hoxe ao sector da conserva a seguir consolidando a súa posición de liderado coa busca constante da calidade e o afán pola innovación e a internacionalización. “Estamos a falar do afán por evolucionar pero preservando a identidade, por innovar pero conservando a tradición e por crecer e expandirse pero mantendo os máis elevados estándares de calidade. Este é o selo de identidade do sector conserveiro galego”, aseverou, recordando que se trata do primeiro sector industrial da historia de Galicia.

Durante o acto de entrega das medallas Anfaco-Cecopesca 2018, Feijóo afirmou que é ese esforzo continuo por evolucionar o que fai que hoxe, o sector conserveiro aglutine o 6,5% do emprego industrial e o 3% do produto interior bruto; e que case o 83% dos postos de traballo directos do sector conserveiro dos produtos do mar se xeren en Galicia, é dicir, máis de 12.400 dos 15.500 postos totais.

“Que Galicia sexa a primeira rexión europea e a segunda mundial na produción de conservas de peixe e marisco non é casualidade. Non é casualidade, porque este sector alcanzou o pasado ano as 300.000 toneladas, case o 87% do total da produción nacional”, abundou, ao que engadiu que o 80% do valor de produción do negocio conserveiro español se crea en Galicia, cunha achega de máis de case 1300 millóns de euros.

O presidente do Goberno autonómico referiuse tamén a súa vocación pola internacionalización. Non en van, a capacidade exportadora da industria conserveira bate, ano tras ano, os seus propios récords, medrando, o pasado ano, un 7,6% en volume de produción e máis dun 17% en valor.

Deste xeito, máis do 78% das exportacións da conserva española saen de Galicia, chegando ás 150.000 toneladas. E máis do 73% do valor de produción das exportacións da conserva española proceden da nosa terra.

Feijóo aseverou que esa busca constante da excelencia sempre foi e continúa a ser o buque insignia de Anfaco-Cecopesca, unha asociación que representa máis de 250 empresas que facturaron o pasado ano un total de 9400 millóns de euros.

Nesta liña, subliñou que Anfaco-Cecopesca, que hoxe entrega as súas tradicionais medallas, son as grandes multinacionais moi internacionalizadas, pero tamén un elevado número de pequenas e medianas empresas.

Ao longo da súa intervención Feijóo destacou o labor do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial, que recibiu este ano a medalla de ouro; así como o compromiso da Consellería de Sanidade con este sector punteiro.

En terceiro lugar, resaltou a traxectoria e a implicación de tres mulleres que traballaron case 50 anos en dúas empresas de recoñecida importancia no sector que recibiron a Medalla de Bronce: María Dolores Costa Pereira, Josefa García Varela e Dolores Penedo Misa.

Feijóo concluíu recordando que nesta filosofía se enmarca o Plan estratéxico da industria conserveira galega 2020. Unha folla de ruta deseñada co obxectivo de aumentar o peso da industria conserveira no conxunto da economía galega, seguir mellorando a súa posición competitiva nos mercados internacionais e consolidar a posición de liderado, capacidade produtiva e emprego asociado.

Deja un comentario