+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018

Educación pon en marcha o Ciclo de Cine Ambiental ‘Butaca Verde’


Vai dirixido ó alumnado de 2º curso da ESO

Con motivo da vindeira celebración, o día 26 de xaneiro, do Día Internacional da Educación Ambiental, a concellería de Educación e Participación Cidadá mosense que dirixe a edil Kely Monzón organiza un Ciclo de Cine Ambiental titulado ‘Butaca Verde’.
Esta iniciativa vai dirixida ó alumnado de 2º curso da ESO, que realizará a actividade do día 10 ó 20 de xaneiro no caso dos estudantes do IES de Mos, e do 20 ó 29 de xaneiro no caso dos alumnos do Colexio Lar. En total beneficiaranse deste programa 143 mozos e mozas alumnos de 2º de Educación Secundaria Obrigatoria de ambos centros educativos do Concello de Mos: 113 alumnos/as do Instituto e 30 alumnos/as do Colexio Lar.
Respecto deste ciclo de cine a concelleira Monzón declaraba hoxe que “estamos nun momento no desenrolo da humanidade no que coidar dos recursos que nos dispón a Terra convértese en algo fundamental. O noso nivel de vida actual require un gasto enerxético e material demasiado alto e debemos aprender a xestionar racionalmente o noso consumo e os nosos desperdicios. Constantemente escoitamos polos medios de comunicación aspectos relativos á influencia ambiental, á pegada ecolóxica, ó cambio climático … non queremos que estes aspectos tan importantes para o desenvolvemento e evolución da vida pasen desapercibidos. É por iso, que propoñemos o traballo co alumnado do Concello de Mos a través deste ciclo que está composto por tres documentais: ‘Amazonía carbonizada’, ‘Green’ e ‘Marcha atrás’. Estes tres documentais serán traballados en tres sesións diferentes, cada un deles recolle as principais problemáticas ambientais e sociais dos nosos días”, explicou a edil.
A finalidade desta actividade é facilitar a realización de actividades de carácter ambiental e provocar, con elas, a reflexión necesaria na cidadanía sobre o noso estilo de vida e a adopción de condutas diarias máis sostibles e responsables co planeta; así como promover a sensibilización ambiental do alumnado mosense.
A metodoloxía mediante a que se impartirá o ciclo de cine consistirá no desenvolvemento de tres sesións diferentes, nas cales se reproducirán diferentes documentais que versan sobre as principais problemáticas ambientais que se están a producir actualmente. Cada documental ten unha duración aproximada de 45-60 minutos.

Deja un comentario