+034 986 09 02 04 Venres 07 de Agosto de 2020

MULLERES EN ACCIÓN DO VERDUGO-OITAVÉN PRESÉNTASE Á SOCIEDADE O DÍA 6 CUN ACTO QUE HOMENAXEA ÁS MULLERES DA BISBARRA


A nova asociación inicia unha rolda de entrevistas cos alcaldes comezando cos de Ponte Caldelas e de Cerdedo-Cotobade

Mulleres en Acción do Verdugo-Oitavén (AMAVO), a asociación nacida nesta bisbarra para loitar a prol da xustiza social dende unha perspectiva feminista, iniciou a súa actividade cunha rolda de entrevistas cos alcaldes. Na xornada de onte estiveron cos rexidores de Ponte Caldelas, Andrés Díaz,  e de  Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela,  aos que presentaron os seus proxectos máis inmediatos. Para os próximos días xa teñen concertadas citas cos  alcaldes de A Lama, Jorge Canda, e Soutomaior, Agustín Reguera.

Nas xuntanzas de onte AMAVO presentou o seu primeiro acto, que vaise celebrar o próximo domingo, día 6 de maio, na Casa de Cultura de Ponte Caldelas. Coincidindo co Día da Nai van desenvolver unha programación a partir das 18.30 horas que inclúe a  súa presentación formal como asociación, a actuación do músico Manoele de Felisa e a inauguración da exposición “As nosas nais, nosas  guías”, que recolle fotografías de mulleres de toda a bisbarra tomadas, fundamentalmente, entre os anos 1930 e 1950. Entre as imaxes, anticiparon, hai unha  da procesión da Virxe do Libramento, en Valongo (Cotobade), onde as mulleres non podían desfilar polo mesmo sitio que os homes. Ademais, destacaron  que un dos momentos máis emotivos  será a homenaxe á traxectoria vital dunha muller procedente do Concello de Cerdedo-Cotobade, cuxa identidade será revelada proximamente. Trátase, anticiparon, dunha das mulleres bravas do país e coa que queren exemplificar os milleiros de historias anónimas das nais e avoas que fixeron posible que xeracións de galegos e galegas saíran adiante.

Nas xuntanzas participaron Isabel Pregal, como presidenta do colectivo, acompañada de varias vocais, entre elas Maica Juncal, Vanesa Vilariño, Eva Fernández e Lorena Bello.

As directivas de AMAVO subliñaron que chegan para converterse nunha ponte entre as institucións e a sociedade, facendo posible chegar a todos os recunchos para loitar contra a soidade dos maiores, a desesperanza dos novos, as  persoas que necesitan axuda ou o  menor síntoma ou rastro de discriminación por razón de xénero ou calquera outro motivo.  Queren aproveitar os recursos da sociedade civil para combater estes fenómenos dende unha perspectiva colaborativia e de absoluta imparcialidade política. “Estamos aquí para axudar”,  recalcaron.

AMAVO agradece a amabilidade e a dispoñibilidade atopada  nos alcaldes de Ponte Caldelas e de  Cerdedo-Cotobade, aos que entregaron persoalmente tarxetas de invitación para o acto do día 6. Andrés Díaz comprometeu a súa asistencia e Jorge Cubela non poderá  asistir ao coincidirlle cunha excursión veciñal, pero anticipou que enviará a un concelleiro ou concelleira en representación súa.

Deja un comentario