+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018

MULLERES EN ACCIÓN DO VERDUGO-OITAVÉN CONVERTE O DÍA DA NAI NUNHA HOMENAXE Á HISTORIA DE TODAS “MULLERES BRAVAS” DA BISBARRA


A asociación ofrece un acto no que participaron representantes dos concellos de Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, Fornelos e Soutomaior

Mulleres en Acción do Verdugo-Oitavén, a asociación comarcal para a defensa da igualdade e a xustiza social con perspectiva de xénero, presentouse onte oficialmente nun acto celebrado na Casa da Cultura de Ponte Caldelas e no que participaron representantes de catro concellos. O evento, que encheu ao completo o salón de actos, rendeu unha homenaxe histórica a todas as “mulleres bravas” da bisbarra a través dunha exposición fotográfica e da proxección de vídeos con breves entrevistas a cinco matriarcas.

O acto foi presentado por Isabel Pregal, presidenta de AMAVO, acompañada de membros da directiva, pertencentes a todos os concellos da bisbarra. A representación institucional  estivo a cargo do alcalde caldelán, Andrés Díaz, xunto co concelleiro de Cerdedo-Cotobade Fernando Vázquez; a concelleira de Soutomaior Cristina González e a presidenta das Mulleres Rurais de Fornelos de Montes Esther Piñeiro.

Os vídeos, co fío condutor do Día da Nai, fixeron un repaso ao papel das mulleres como piar da sociedade ao longo do tempo e nos cambios de usos e costumes. Nas imaxes proxectáronse as reflexións de Idelina, de Cerdedo-Cotobade, que fala da emigración; Solmira,  da Lama, que naceu no ano 1936 e creceu nunha familia humilde e traballadora cuxo pai morreu na Guerra; Placeres, de Fornelos, que fai un repaso á dureza do traballo do campo e tamén sobre a crianza dos fillos e a importancia das romarías como eventos sociais; Sara, de Soutomaior, que lembra os tempos nos que as mariscadoras de Arcade ían descalzas ao mar e os cambios a mellor da actualidade convertendo esta profesión nun traballo máis. Finalmente, aparece Lola de Regodobargo (Ponte Caldelas), que fai críticas á dependencia do móbil da mocidade de hoxe e conta como neste pobo conseguiron manter viva a tradición musical e popular das fiadas, así como o seu dinámico grupo de pandereteiras.

Mulleres en Acción engloba estes vídeos dentro dun proxecto que denomina “Banco amigo”, unha idea que representa calquera espazo no que sexa posible sentar a charlar coas persoas maiores e  axudar a combater a soidade. “Toda a xente coa que falamos láiase do rigor e das dificultades dos seus tempos mozos”, explica Isabel Pregal, “pero tamén bota moito de menos a unión que antes había no rural, polo que o noso proxecto trata de recuperar iso con algo tan simple como o tempo compartido”.

O acto concluíu coa inauguración “As nosas nais, nosas guías”, que estará no Centro Cultural de Ponte Caldelas ata a próxima semana. A mostra é unha escolma de imaxes de principios e mediados do século pasado entre as que destaca unha foto da romaría da Virxe do Libramento en Valongo (Cerdedo-Cotobade) na que as mulleres desfilaban á parte. Tamén hai eventos sociais e de lecer de moitas familias de toda a bisbarra.

Deja un comentario