+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018

O CONCELLO E A FUNDACIÓN SÁLVORA UNEN ESFORZOS PARA PEDIR Á XUNTA DE GALICIA A APERTURA DA CASA DA QUINTÁN


A entidade está aberta a un Centro de Día de maiores, ademais do previsto “respiro” para familias de persoas con discapacidade intelectual

A Fundación tutelar galega para persoas con discapacidade intelectual Sálvora e o Concello de Ponte Caldelas comparten o obxectivo de poñer en funcionamento, tras 10 anos de completo abandono, a Casa do Quintán, o chalé indiano cedido pola Fundación á Xunta de Galicia para a construción dun Centro de Respiro Familiar.
O alcalde, Andrés Díaz, en nome do Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) recibiu á directiva de Sálvora, encabezada polo seu presidente, Jacinto Lareo; a secretaria, María José Balirac, e o xerente da Asociación San Xerome Emiliani, membro do padroado da fundación tutelar.
Sálvora cedeu a titularidade do chalé indiano por un período de 25 anos para a súa restauración como Centro de Respiro Familiar de fin de semana e períodos de vacacións das familias con persoas con discapacidade intelectual. O inmoble foi restaurado pola desaparecida Vicepresidencia do Benestar e no ano 2008 rematáronse as obras e o equipamento interior, todo elo valorado en máis de medio millón de euros. Sen embargo, transcorridos 10 anos, o inmoble non chegou a entrar en uso por razóns que se descoñecen.
A fundación Sálvora é unha entidade sen ánimo de lucro que conta coa clasificación, por parte da Xunta de Galicia, como benéfico-asistencial, privada e de interese galego. O seu obxectivo é informar e asesorar ás familias e responsables de persoas con discapacidade intelectual para tratar de acadar o seu pleno desenvolvemento e benestar. Ao tempo, nos casos nos que é necesario exerce as funcións tutelares por nomeamento xudicial. Actualmente tutela a 52 persoas en toda Galicia, 49 delas na provincia de Pontevedra.
Andrés Díaz explicou que o pasado mes mantivo unha xuntanza co secretario xeral da Consellería de Política Social na que lle solicitou unha entrevista formal co conselleiro, José Manuel Rey Varela para formularlle o ofrecemento do Concello de Ponte Caldelas para converterse en axente activo, coa fórmula que sexa precisa, para lograr a apertura da Casa da Quintán.
O alcalde e a Fundación Sálvora analizaron a posibilidade de compatibilizar os usos dun Centro de Día público para maiores, dotación da que Ponte Caldelas carece actualmente, co Centro de Respiro para familias de persoas con discapacidade intelectual. A idea foi ben acollida e queda pendente da súa materialización no marco das conversas que tanto o Concello como a Fundación manteñen abertas coa Consellería de Política Social.
Durante a xuntanza, nun ambiente moi cordial e de mutuo interese por solucionar o problema e retornar á sociedade o forte investimento realizado, analizouse tamén a posible necesidade de que a Xunta de Galicia realice as obras necesarias para adaptar o inmoble á normativa actual sobre accesibilidade, que ten mudado nestes últimos 10 anos.
O alcalde foi informado pola Fundación tutelar Sálvora do traballo desempeñado neste tempo para tratar de lograr a apertura da Casa da Quintán e anticipou o apoio do Concello, que está decidido a converterse no terceiro socio dun novo proxecto que non só é desexable, senón tamén necesario para axudar a construír unha sociedade máis xusta e máis solidaria.
“O noso obxectivo, compartido con Sálvora, é manter o diálogo aberto coa Consellería de Política Socia”, afirma Andrés Díaz, “porque máis alá do fracaso colectivo que supón que a Casa da Quintán non chegara a entrar en funcionamento, o máis importante é que entre todas as partes implicadas poidamos atopar unha solución”.

Deja un comentario