+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018

O CONCELLO IMPULSA A APERTURA Á VECIÑANZA DO ECOPARQUE DE ATALAIA CON VISITAS DE GRUPOS DE ESCOLARES


Esta actividade lúdica pretende dar a coñecer este recinto, único na contorna e xestionado por Aventura Rías Baixas, no seo do municipio

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de comezar unha vía de colaboración co Ecoparque de Atalaia (Viascón), unha instalación de lecer única na zona, co obxectivo de dalo a coñecer entre a veciñanza. Esta iniciativa de apertura á sociedade comezou  cunha visita dun amplo grupo de escolares e contou coa participación do presidente municipal, Jorge Cubela.

Esta primeira xornada, organizada polo Departamento Municipal de Deportes e Xuventude e orientada aos rapaces de sexto curso de Educación Primaria dos colexios públicos de Carballedo, Tenorio e Cerdedo, servíu para presentar estas instalacións, que veñen de situarse ao primeiro nivel na oferta turística e de lecer tras a súa ampliación. Os cativos gozaron de moitos xogos, tirolinas e actividades vinculadas ao mundo rural, xa que o recinto tamén conta con animais domésticos e incluso un pequeno museo etnográfico. Este Ecoparque de Atalaia está xestionado por Aventura Rías Baixas, que tamén dirixe unha instalación similar no municipio de Marín.

Cubela quixo agradecer a colaboración desta entidade e valorou a importancia de “abrila á sociedade, xa que, aparte de atraer a xente de fóra, é moi importante que sexa coñecida polos propios veciños para que saiban dos recursos dos que dispoñen no seu propio concello”. Ademais, amosouse confiado en que o recinto, que acaba de acometer un intenso proceso de ampliación e modernización, suporá un importante atractivo turístico que se engadirá aos moitos xa existentes en Cerdedo-Cotoabade.

Deja un comentario