+034 986 09 02 04 Venres 21 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

BENÍTEZ SUPERVISA EN FORCAREI O FIN DE OBRA DA MELLORA DA INTERSECCIÓN DA EP-7001 COA RÚA FRANCISCO FILGUEIRA


O deputado de Mobilidade visitou tamén a actuación de drenaxe lonxitudinal na estrada provincial Soutelo-Covas

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, supervisou  xunto á alcaldesa de Forcarei, Belén Cachafeiro, as obras de mellora da intersección da EP-7001 coa rúa Francisco Filgueira que a Deputación vén de rematar no municipio. Ademais, tamén visitou a actuación que o departamento provincial está a realizar na estrada provincial EP_7203 Soutelo-Covas para mellorar a drenaxe lonxitudinal.

Benítez explicou que a actuación realizada resolve un problema de seguranza viaria que se producía no entronque entre as vías provincial e municipal, xa que se cruzaban case en perpendicular dificultando o acceso ao núcleo urbano. As obras proxectadas, indicou o nacionalista, ampliaron o radio de xiro na entrada da rúa Francisco Filgueira creando un carril de espera para o tráfico provinte do sur pola EP-7001.

Tamén se renovou a beirarrúa, os servizos de pluviais, abastecemento e alumeado, e se executou un muro de sostemento de mampostería para salvar o grande desnivel entre a estrada e as fincas adxacentes, ademais de instalar novas luminarias led de 10 metros de altura na parte interior da curva. Na entrada cara o núcleo de Forcarei colocouse un paso de peóns sobreelevado (PPS) e pintouse a nova sinalización horizontal pertinente. Tamén se ampliou o illote pintado arredor das luminarias e trasladouse o carril de baixada á dereita para acadar un paso máis directo.

O orzamento global da actuación foi de 76.611,51 euros, dos que 68.995,16 euros estaban previstos para a realización dos traballos (que realizou a empresa Arines Obras y Proyectos) e a cifra restante para as expropiacións de terreo para ampliar o cruce. “Este proxecto foi un dos primeiros que abordamos dentro do plan de mellora de interseccións para toda a provincia, que tiña como obxectivo calmar o tráfico e reducir a violencia viaria, o que está a ser un criterio xeral dentro da nosa Estratexia de Mobilidade 3.0”, asegurou o deputado.

Soutelo
Ademais de visitar o proxecto do cruce no núcleo de Forcarei, o deputado Uxío Benítez tamén visitou as obras de mellora da drenaxe lonxitudinal de 900 metros da estrada EP-7203 Soutelo-Covas entre os puntos quilométricos 0+850 e 1+350 e o 2+550 e 2+950. As obras, dixo o nacionalista, consisten na limpeza das marxes para despois colocar unha cuneta remontable de formigón, mellorando a drenaxe lonxitudinal para recibir e canalizar augas pluviais procedentes da calzada e da escorrentía superficial.

Os operarios, nun primeiro momento, realizaron unha roza incluso dos noiros, por medios mecánicos -cunha motonniveladora-, retirando os tocos e raíces existentes. Posteriormente cortouse o pavimento e demoleuse o aglomerado cunha retroexcavadora de martelo rompedor para formar unha gabia drenante, composta por un tubo de PVC rodeado de grava e envolto un xeotéxtil. Finalmente estase a executar a cuneta revestida de formigón remontable en forma de ‘L’ cunha sección libre dun metro de largo. Aproveitando o bo tempo desta semana a empresa adxudicataria, Construcciones y Deslizados Galicia, intentará dar un pulo importante á obra, que pasara por complicacións durante a época de chuvias.

As actuacións visitadas hoxe polo deputado de Mobilidade suman un investimento provincial de que supera os 136.000 euros.

Deja un comentario