+034 986 09 02 04 Mércores 23 de Maio de 2018

O CONSELLEIRO DE ECONOMÍA SINALA A IMPORTANCIA DO ESFORZO CONXUNTO DO TECIDO EMPRESARIAL GALEGO E DA XUNTA PARA CAPTAR NOVOS PROXECTOS INDUSTRIAIS


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou  en Vigo na asemblea xeral ordinaria da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP)

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en Vigo, na asemblea xeral ordinaria da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), que o esforzo que está a facer o tecido empresarial galego co apoio da Xunta está a favorecer a chegada de novos proxectos industriais a Galicia. Así, Conde salientou a importancia do traballo conxunto entre empresas e administracións para que a economía galega gañe en competitividade. Indicou, ao respecto, que nunha economía global e tecnolóxica este diálogo é mais necesario que nunca.

Así mesmo, o titular de Economía sinalou que para afrontar con éxito a cuarta revolución industrial, na que está inmersa a Comunidade galega, é preciso poñer o acento na formación para dar resposta a este novo escenario e poder, deste xeito, contar con persoal máis e mellor cualificado.

Lembrou, ao respecto, que a formación adaptada ás necesidades do tecido produtivo é unha prioridade para a Xunta, que apoia na actualidade un paquete de 1500 cursos de formación en centros homologados para beneficiar a 23.000 profesionais en activo dos sectores tradicionais e doutros emerxentes como o aeronáutico ou o do benestar. Do global, un total de 4500 traballadores de Vigo e a súa contorna de ámbitos do naval, a automoción, a hostalería, a pesca ou as enerxías renovables xa teñen a posibilidade de participar nestas accións formativas que se desenvolven en centros homologados.

Conde tamén afirmou que competir no mercado global implica diferenciarse e apostar pola innovación -outro dos requisitos do novo modelo económico que require coñecemento- e pola internacionalización. En palabras de Conde, saír ao mercado exterior permite ás empresas gañar en competitividade e afrontar con maiores garantías os retos da Industria 4.0. Ao respecto, lembrou que na última misión comercial que a Xunta desenvolveu a México, que estivo encabezada polo presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e na que participaron medio cento de empresas, demostrouse que o tecido empresarial galego ten cada vez máis confianza á hora de saír fóra do mercado nacional e ten presente a importancia do investimento en innovación.

Pontevedra, líder en empresas exportadoras regulares

O conselleiro, neste senso, lembrou o bo comportamento que está a marcar a economía galega que nos últimos 5 anos acadou o seu mellor ciclo exportador, superando o pasado ano a barreira dos 21.000 millóns de euros con máis de 6700 empresas galegas que saíron ao mercado exterior. Deste global, máis da metade (3572) foron da provincia de Pontevedra, que encabeza tamén o ránking de empresas exportadoras regulares.

Galicia, coa mellor balanza comercial nos dous primeiros meses de 2018, rexistrou un incremento do 8,4% na produción industrial no primeiro trimestre do ano e foi en abril a Comunidade na que máis baixou o paro. A boa marcha da economía permitiu unha revisión á alza das previsións de crecemento, que se sitúa para este ano por riba do 2,8%.

Para rematar, Conde recordou que, para que Galicia siga crecendo, a Xunta aprobou a Lei de implantación empresarial que pon as máximas facilidades a novos proxectos empresariais que se queiran instalar na Comunidade galega con máis axilidade administrativa, máis incentivos fiscais e máis facilidades de acceso ao solo industrial. Apelou tamén á colaboración da Administración local a través dos Concellos Emprendedores, unha peza clave para darlle maior alcance a estas vantaxes.

Deja un comentario