+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018

REMATA A REURBANIZACIÓN DA PRAZA DO CONCELLO DE CERDEDO A FALLA DA COLOCACIÓN DE MOBILIARIO URBANO


 Os últimos traballos consistiron no soterramento dos servizos de augas, pluviais, fecais e alumeado tras mudar todas as lousas do recinto

A obra de reurbanización da Praza do Concello de Cerdedo está practicamente rematada despois de que concluira a renovación de todas as súas lousas de pedra e se acometera o soterramento de todos os servizos públicos, polo que só resta a colocación final do mobiliario urbano. Por este motivo, o presidente municipal, Jorge Cubela, realizou unha visita de inspección para comprobar o estado definitivo deste recinto.

Esta obra, orzamentada en 180.000 euros e que supuxo a segunda actuación do Plan Hurbe da Xunta no municipio tras a humanización do acceso á igrexa de Tenorio, fíxose necesaria xa que as pezas de granito do firme presentaban un acabado moi irregular, sobresaíndo unhas por riba das outras. Esta situación provocaba a súa rotura, principalmente polas condicións do terreo e o paso de vehículos, polo que se xeneraban molestias aos peóns e ao tráfico e risco de accidentes.

Os traballos efectuados consistiron, inicialmente, na repavimentación de toda a praza e, sobre a nova soleira, a instalación dun novo enlousado con pedras de granito cun groso de 15 centímetros. Xa nos últimos días procedeuse ao soterramento dos servizos de abastecemento de augas, canalizacións de pluviais e fecais e rede de alumeado, polo que só resta a colocación dunha fonte, unha pérgola e os puntos de iluminación para acadar o fin de obra. Ademais, no marco desta actuación tamén se executaron melloras a maiores do proxecto inicial nas pavimentacións da praza e da rúa de Outraldea.

Cubela explicou que esta obra era moi necesaria, “especialmente por cuestións de seguridade, aínda que a reforma tamén redundou nunha importante mellora estética” e amosouse convencido de que as novas lousas, cun maior grosor, “permitirán que a praza manteña o seu tránsito habitual sen roturas nin risco de incidencias”.

Finalmente, salientou que a actuación enmárcase no obxectivo do goberno local de “humanizar ao máximo posible as zonas urbanas de Cerdedo, Tenorio e Carballedo, xa que aínda que somos un concello eminentemente rural temos uns pequenos núcleos que queremos que sexan o máis confortables posible para favorecer o benestar e a calidade de vida dos veciños”.

Deja un comentario