+034 986 09 02 04 Venres 07 de Agosto de 2020

A ESTADÍA DE MARÍA VINYALS EN CUBA PROTAGONIZARÁ UNHA CONFERENCIA NO MUSEO DE PONTEVEDRA


Terá lugar o vindeiro martes ás 20 horas no Sexto Edificio e correrá a cargo do investigador e profesor cubano Ricardo Luis Hernández Otero
O martes 15 de maio, ás 20 horas no salón de actos do Sexto Edificio, o profesor cubano Ricardo Luis Hernández Otero dará unha conferencia co título ‘Con María de Lluria en Cuba: avances dun proxecto en curso’. O relatorio abordará a chegada de María Vinyals á Habana en 1920, onde xa asina como María de Lluria, e onde se vinculou ao activo movemento feminista cubano, participando en entidades de corte progresista coma o Grupo Clarté, e publicando en revistas e xornais nos que mantivo durante meses sección fixas como “Femeninas” e “Movimiento social”.
A figura de María Vinyals, tamén coñecida como a marquesa vermella, comezou a se estudar durante os anos noventa do século pasado. A esta muller polifacética que pasou dos salóns aristocráticos da corte madrileña a militar no Partido Socialista, que exerceu de empresaria xunto co seu segundo marido, o médico cubano Enrique Lluria fundando un Sanatorio no castelo de Soutomaior e que foi escritora, xornalista e precursora do feminismo, dedicoulle o Museo de Pontevedra unha exposición a finais do pasado ano: ‘De María Vinyals a María Lluria. Escritora, feminista e activista social’, título que tamén leva a primeira monografía que se lle dedica a esta figura da autoría de Mª Ángela Comesaña e Aurora Marco.
O profesor universitario, investigador e crítico literario Ricardo Luis Hernández Otero (A Habana, 1946) é graduado na Universidade da Habana como Profesor de Ensino Medio Superior en Español-Literatura (1971) e licenciado en Lingua e Literatura Hispánicas (1975). Durante catro décadas desempeñou labores de investigador literario no Instituto de Literatura y Lingüística da Habana, e os seus campos de especialización comprenden aspectos como a prensa cubana e o vangardismo, entre outros. Desde 2013 coordina proxectos de investigación sobre José Martí e sobre a estancia en Cuba da escritora e loitadora feminista galega María Vinyals coa colaboración respectiva de profesores hispanos das universidades de Towson (Maryland) e Asheville (Carolina do Norte).

Deja un comentario