+034 986 09 02 04 Venres 07 de Agosto de 2020

CARMELA SILVA REAFIRMA O “TOTAL COMPROMISO DA DEPUTACIÓN CO DEPORTE DA PROVINCIA” NO SEU ENCONTRO COS CLUBS DE ELITE QUE ESTE ANO PERCIBIRÁN AXUDAS POR CASE 350.000 EUROS


Once clubs de elite da provincia asistiron a reunión coa presidenta na que todos mostraron a súa satisfacción “pola aposta fundamental que fai a institución polo deporte”

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recibiu este venres, no Pazo Provincial, a once clubs de elite da provincia para facerlles entrega das resolucións de patrocinio que este ano suporán axudas por 343.500 euros, é dicir, un 48,7% máis do que invertía o anterior goberno. Os primeiros clubs que reciben as achegas son o Club Poio Fútbol Sala, a Sociedade Deportiva Teucro, o Club Balonmán Cangas, o Club Balonmán Atlético Guardés, o Club Balonmano Porriño, o Club AMFIV, a Agrupación Deportiva Vincios, o Club Deportivo Vilagarcía de Tenis de Mesa, a Sociedad Gimnástica de Pontevedra, o Club Deportivo Supermercados Froiz e o Club Ciclista Rías Baixas.
Na reunión, Carmela Silva mostroulles o orgullo que sinte por ter clubs de tanto éxito na provincia e explicou que “destinamos moitos máis recursos ao deporte e, amais, dende a nosa chegada ao Goberno, rachamos cos criterios clientelares, discrecionais, escuros e baseados nunha relación de subordinación do anterior executivo. Agora aplicamos un modelo transparente, igualitario, claro, con criterios obxectivos, equitativos, con bases e contando con todas e con todos. A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén aproveitou a cita para resaltar que “dunha forma particular estamos a promocionar o deporte feminino e o deporte adaptado, pois ben sabemos das dificultades ás que se teñen que afrontar”.
Pola súa banda, o presidente do GD Super Froiz, Evaristo Portela, e a presidenta da Sociedad Gimnástica, Charo Castro, interviñeron na reunión para manifestar a súa satisfacción pola aposta que fai a Deputación polo deporte, apoio que axuda a que se poidan acadar éxitos para a provincia. Amais, Charo Castro sinalou que “o deporte hoxe en día é un puntal na sociedade e o apoio institucional é inestimable, neste senso a Deputación sempre está para axudarnos”.
Na mesma liña, Carlos García-Alén, presidente da SD Teucro, mostrouse moi agradecido e apuntou que “aínda que nunca é suficiente, hai que recoñecer o esforzo que está a facer a Deputación para apoiar clubs coma nós”. O presidente pontevedrés engadiu, sobre a intervención de Carmela Silva, que “poucas veces trasládannos o recoñecemento que hoxe fixeches do traballo dos e das directivas”.
Por último, o presidente da Agrupación Deportiva Vincios, Vicente Pintos Santiago, e o vicepresidente do Club Poio Fútbol Sala, Vicente Pérez Pérez, apuntaron que “o apoio da Deputación é fundamental para sobrevivir na elite e nótase aínda máis nos deportes minoritarios”.
Tras a reunión, en rolda de prensa, Carmela Silva tamén aproveitou para facerlle un recoñecemento público aos homes e mulleres que dirixen estes clubs, pois “sei que traballan a cambio de nada, con moitas dificultades, con recursos escasos e sen embargo dedican o seu tempo e moitas veces os seus propios recursos para conseguir éxitos para a nosa provincia”.

Deja un comentario