+034 986 09 02 04 Martes 23 de Outubro de 2018

PONTE CALDELAS SÚMASE Á VÍA MARIANA, A GRAN RUTA LUSO-GALAICA DO INTERIOR QUE UNIRÁ BRAGA CON MUXÍA


Máis dunha ducia de alcaldes participaron na presentación do trazado na Franqueira

A Vía Mariana, a gran ruta luso-galaica destinada a promocionar o “deserto verde” da Galicia interior, xa é unha realidade. O proxecto foi presentado hoxe nun gran acto celebrado na Franqueira (A Cañiza) coa asistencia dunha ducia de alcaldes e alcaldesas das provincias de Pontevedra e A Coruña, entre os que estivo o de Ponte Caldelas, Andrés Díaz.
Ponte Caldelas achega a este gran roteiro, dividido en 17 etapas polos mitos, lendas e tradicións de Galicia, as paisaxes de Forzáns e Caritel. O camiño entra no territorio caldelán polo sur procedente das Estacas (Fornelos de Montes) e sae en dirección norte por A Lama e Augasantas e Valongo (Cerdedo-Cotobade).
O proxecto, que está a agromar co apoio do GDR do Condado-Paradanta e gracias ao entusiasmo dun grupo de historiadores entre os que figura o caldelán Domingo Lopo, será moi pronto unha realidade, pois está a piques de comezar a sinalización e marcado da ruta. O sinal de identidade será a frecha bicolor, amarela e violeta.
Os promotores destacaron que non se trata dunha nova ruta xacobea, posto que só pasa por Santiago en dirección ao santuario da Virxe da Barca, en Muxía. Os camiñantes terán así ocasión de visitar os máis significados templos da devoción mariana, co eixe central na Franqueira. Máis aínda, a intención é obter a cualificación de Itinerario Europeo da Cultura, un distintivo do que, agora mesmo, só dispoñen 32 roteiros.
Andrés Díaz destacou que Ponte Caldelas sempre está disposta a sumar e subliñou que neste caso achega os fermosos camiños de Forzáns e Caritel, concluíndo coa oportunidade de cruzar o río Verdugo a través dos pasos de Portasouto, un lugar cunha maxia especial, e situado a carón do Foxo do Lobo de Laxoso.

Deja un comentario