+034 986 09 02 04 Mércores 23 de Maio de 2018

CONDE PON EN VALOR A FORMACIÓN ADAPTADA ÁS NECESIDADES DAS EMPRESAS PARA MELLORAR O PERFIL PROFESIONAL DOS DESEMPREGADOS


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, achegouse hoxe ata o Recinto Feiral de Silleda onde preto de 3600 galegos e galegas están desenvolvendo as probas de competencia clave

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, achegouse hoxe ata o Recinto Feiral de Silleda, onde se están a celebrar as probas da 12ª convocatoria de competencias claves para que as persoas que non posúen os requisitos de formación básica (ESO ou Bacharelato) poidan demostrar as súas capacidades e coñecementos básicos co obxectivo de acceder á formación para o emprego.

A través desta cualificación que promove a Xunta, por medio de cursos de formación ou obradoiros de emprego, os alumnos e alumnas optan a acadar un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. Trátase dunha formación adaptada ás necesidades das empresas.

O titular de Economía, deste xeito, puxo en valor estas probas de competencia clave ás que se presentan hoxe preto de 3600 galegos e galegas que terán que realizar unha avaliación sobre un conxunto de contidos xerais de formación básica en diferentes áreas de coñecemento, necesarios para todas as especialidades formativas e laborais: matemáticas, lingua castelá, lingua galega e inglés.

Galicia foi pioneira en 2009 na convocatoria destes exames, unha iniciativa pola que a Administración autonómica segue apostando polo seu bo nivel de resultados e pola alta participación que rexistra. Nas probas de 2017, a media da porcentaxe de aptos chegou ao 70%: no nivel 2 (ESO) foi do 75% e no nivel 3 (Bacharelato) do 64%. Entre 2009 e 2018 solicitaron participar nesta iniciativa preto de 32.400 galegos e galegas.

Conde indicou que as persoas que superen as probas incrementarán as súas posibilidades para atopar un emprego accedendo a unha formación adaptada ás necesidades reais do tecido produtivo galego, un reto no que traballa a Xunta coa convocatoria de diversos programas, como os cursos de formación para desempregados e ocupados ou as Unidades Formativas na Empresa, para dar resposta ás demandas das empresas. Do que se trata, en palabras do conselleiro, é de motivar ás persoas para progresar co obxectivo último de acadar a inserción no mercado laboral nas mellores condicións posibles.

Deja un comentario