+034 986 09 02 04 Luns 24 de Xuño de 2019

Convócase pola vía de urxencia un novo concurso para adxudicar os coches da Policía Local nun prazo de 15 días


As firmas disporán de 7 días para presentar as propostas

Como consecuencia dos defectos de forma que presentaban as dúas ofertas existentes, a Xunta local de Goberno declarou hoxe deserto o concurso para a contratación de tres vehículos para a Policía Local que estaba previsto adxudicar onte. O goberno local xa tomou as medidas oportunas para solventar coa máxima celeridade o imprevisto do que o Concello non é responsable. A vindeira semana porase en marcha o procedemento urxente para contratar o subministro dos vehículos que debe resolverse no prazo máximo de 15 días a partir da convocatoria.

Os erros formais producíronse ao incluír os ofertantes no sobre B das especificacións técnicas, unha mellora que tería que ir no C, relativo á oferta económica. A anomalía detectouse xa ao abrir o segundo sobre, polo que a Mesa de Contratación paralizou nese intre o proceso e informou a necesidade de declarar nulo o concurso. Os sobres C xa non chegaron a abrirse en vista dos erros de forma.
Unha vez declarada deserto o concurso, a vindeira semana abrirase o prazo de 7 días para que as empresas volvan a presentar as súas ofertas debidamente corrixidas. O tempo é suficiente posto que as firmas xa teñen coñecemento previo do prego e do punto que deben modificar.

Co obxecto de acurtar os prazos o máximo posible, ademais de convocar o novo concurso pola vía de urxencia, hoxe mesmo remitíanse as invitacións e indicacións ás empresas interesadas, a efectos de que fagan o trámite canto antes. A Mesa de Contratación reunirase o oitavo día para comprobar a documentación e abrir os sobres, e disporán dun total de 7 días para avaliar as propostas, informalas e presentar a proposta de adxudicación á Xunta Local de Goberno. Todo este procedemento non debe superar os 15 días unha vez aberto o prazo de presentación de ofertas.

O goberno local lamentou profundamente a situación, sobre todo despois de que o primeiro concurso quedara deserto por falta de ofertas e de que a renovación do parque móbil da Policía Local tivera que pospoñerse ata o mes de xaneiro de 2015. Non obstante, confían en que este imprevisto só demore uns días máis o subministro dos 3 coches.

A compra farase polo sistema de renting, por un período de 48 meses e o importe con contrato ascende a 129.600 euros que financiará integramente o Concello.

Deja un comentario