+034 986 09 02 04 Mércores 23 de Maio de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA REABRE ESTE MARTES O CASTELO DE SOUTOMAIOR NUNHA GRAN GALA CON MÚSICA E MOITAS SORPRESAS


Cheo absoluto na primeira xornada de portas abertas nas que se deron cita preto dun millar de persoas, con grupos procedentes de Portugal e Alemaña

A Deputación de Pontevedra reabre este martes o castelo de Soutomaior “cunha gran gala repleta de música e moitas sorpresas”, tal e como avanzou a presidenta provincial Carmela Silva, á que asistirá boa parte da sociedade da provincia. O evento, que terá lugar a partir das 19.00 horas nos xardíns deste Ben de Interese Cultural, servirá para presentar publicamente o vangardista proxecto de musealización que vén de rematar a institución provincial no castelo cunha gran repercusión nacional e internacional.

A presidenta da Deputación amosou este luns a súa satisfacción pola “altísima” demanda que está a rexistrar o castelo tralo anuncio da súa reapertura. “Onte pola tarde tivemos a primeira das xornadas de portas abertas e foi un éxito absoluto, rexistrándose preto dun millar de persoas, con ata grupos de homes, mulleres e moitos nenos e nenas procedentes de Portugal e Alemaña”. As xornadas de portas abertas continuarán os días 20, 21, 22, 24 e 25 de maio, coa posibilidade de realizar un percorrido polo castelo a través de visitas libres e guiadas. Para participar nas visitas guiadas, que terán lugar ás 11 e 17 horas, a partir do 21, será preciso realizar unha inscrición previa a través do correo electrónico castelodesoutomaior@depo.es xa que as prazas están limitadas a 22 persoas por grupo.

A Deputación de Pontevedra investiu na musealización do castelo 700.000 euros “para dotalo de contido, de historia e rigor pero tamén de vangarda, modernidade e novas tecnoloxías, á altura de calquera castelo de Europa ou de todo o mundo”, asegurou a presidenta provincial. De feito, o castelo conta con materiais explicativos interactivos, incluíndo sete audiovisuais, recreacións en 3D, un videomapping e tres caixas máxicas.

Deja un comentario