+034 986 09 02 04 Mércores 23 de Maio de 2018

O CONCELLO RECUPERA DÚAS FONTES HISTÓRICAS DA INSUA


A restauración do manancial permite a recuperación dos surtidores da antiga escola das nenas e do pobo

As fontes que secaron hai tempo na Insua volven manar auga. O Concello vén de restaurar dous surtidores que forman parte da memoria colectiva desta parroquia de Ponte Caldelas: a da antiga escola das nenas e outra situada máis arriba, en pleno centro do pobo.
O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) continúa así a reparación de elementos e estruturas do rural nunha xeira de obras que abrangue a todas as parroquias caldelás.
O alcalde, Andrés Díaz, visitou os traballos en compañía dun grupo de veciños, que destacaron a compoñente sentimental que supón “manter vivas” as fontes e en valor os elementos etnográficos dos distintos lugares. E máis aínda neste caso, pois dase un servizo moi apreciado por todas as persoas que gustan de saír a camiñar.
As fontes, datadas entre finais do século XIX e principios do XX, abastécense directamente dun manancial situado no monte da Insua. Para a súa posta en funcionamento foi necesario limpalo e reparar a presa, onde quedou encofrada a lousa e formigonada toda a estrutura. Ademais, colocáronse varios centos de mangueira soterrada para levar a auga.
Pola súa banda, as pedras dos surtidores foron limpadas e pintadas en cor marrón. Colocáronse novas billas e instaláronse grellas de drenaxe.
Os máis veteranos destacaron que a fonte da vella escola das nenas (un pequeno edificio situado a carón da estrada autonómica) era, hai anos, un importante punto de subministro. Coa desaparición das escolas unitarias e a xeneralización do subministro da traída foi quedando no abandono, pero agora recupéranse para o uso e goce da veciñanza e como símbolo do patrimonio da Insua.

Deja un comentario