+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

ESTE LUNS ABRIUSE O PRAZO DE INSCRICIÓN NA XORNADA “INFANCIA E ADOLESCENCIA: UNHA CARA OCULTA DA VIOLENCIA DE XÉNERO”


Organizado pola Deputación, Concello de Pontevedra e Universidade de Vigo, o evento terá lugar o día 26 no Pazo da Cultura e ofrecerá a visión de expertas sobre as repercusións das violencias machistas na infancia e adolescencia e sobre as ferramentas para a súa prevención e intervención

Este luns abriuse o prazo de inscrición para participar na xornada “Infancia e adolescencia: unha cara oculta da violencia de xénero”, organizada pola Deputación, Concello de Pontevedra e Universidade de Vigo, e enmarcada na Escola de Igualdade María Vinyals. Será coordinada pola profesora María M. Álvarez Lires e forma parte do convenio de colaboración asinado entre a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo a través do cal se acordou impulsar actividades que representen unha mellora para a sociedade, entre as que se sitúa a promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a loita contra as violencias machistas.

Deste xeito, a xornada que terá lugar o vindeiro 26 de maio ao longo da mañá e da tarde no Pazo da Cultura de Pontevedra, afondará na problemática das violencias machistas, un problema que afecta non soamente á muller senón tamén ás nenas e nenos que a presencian. Por estes motivos, a través de “Infancia e adolescencia: unha cara oculta da violencia de xénero” vanse dar a coñecer os resultados dun traballo de investigación, incluído no proxecto REDES da Universidade de Vigo, relativo a diferentes aspectos da violencia machista exercida sobre a infancia e a mocidade. Tamén se pretende ofrecer a visión de diversas expertas nos ámbitos da psicoloxía, educación, saúde, xustiza e do mundo asociativo sobre esta problemática, así como proporcionar elementos de debate e ferramentas para a prevención e intervención.

 

A xornada comezará ás 9.30 coa benvida institucional. A continuación, Ángeles Parrillo ofrecerá unha conferencia para dar a coñecer o proxecto REDES da Universidade de Vigo e posteriormente terá lugar o panel de presentación do microproxecto “Infancia e adolescencia: unha cara oculta da violencia de xénero” no que participarán Azucena Arias, Daisy Alcalde e Iria Vázquez. A última conferencia da mañá, ás 12.00 h., será a cargo de Sonia Vaccaro quen afondará sobre “Violencia sicaria e SAP: fillas e fillos como vítimas da violencia de xénero”.

Xa pola tarde, entre as 16 e 18 horas terán lugar catro obradoiros. Un, dirixido por Mariví Fernández Roldán, sobre “A coeducación, o camiño para a prevención da violencia de xénero”; outro, a cargo de Lola Ferriro, sobre “Crianzas maltratadas: detección e abordaxe no ámbito sanitario”; o terceiro, dirixido por Paz Filgueira, para falar sobre “Menores e violencia de xénero, tratamento interdisciplinario. Detección e actuación das administracións públicas. Apuntes sobre o Pacto de Estado” e o último dirixido por Estrela Gómez, sobre “Desmontando mitos contra nenas, nenos e adolescentes desde o eido asociativo”.

En total, a Deputación de Pontevedra, o Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo ofertan 150 prazas para profesorado e alumnado da Universidade de Vigo, para o profesorado e persoal educativo dos centros dependentes da institución provincial, para profesorado de centros de ensino dependentes da Consellería de Educación, para as e os profesionais dos CCFFSS, persoal técnico dos Centros de Información á Muller, profesionais da sanidade, da xustiza e todas aquelas persoas interesadas no tema.

As persoas interesadas en participar en “Infancia e adolescencia: unha cara oculta da violencia de xénero” poderán formalizara súa inscrición, desde hoxe e ata o 23 de maio, a través de www.depo.gal.

Deja un comentario