+034 986 09 02 04 Martes 18 de Decembro de 2018

MÁIS DE 12.000 BOCADILLOS VENDIDOS NA PRIMEIRA EDICIÓN DO BOCASELAS


A primeira edición do Bocaselas rematou este sábado 12 de maio, cun balance de éxito absoluto por parte dos establecementos hostaleiros participantes. Partindo dunha previsión inicial duns 7.000 bocadillos, o certo é que a cifra case se duplicou ao longo das catro fins de semana de Bocaselas, superando os 12.000 bocadillos vendidos. Xente de tódalas idades pasou polos diferentes establecementos para degustar os bocadillos, nunha primeira ruta que tralo éxito sen dúbida establecerá a súa continuidade para os vindeiros anos.
Un total de 15 locais participan nesta primeira edición do Bocaselas, que se celebrou venres e os sábados entre o 20 de abril e o 12 de maio con dúas rutas diferenciadas: unha para os venres con 9 locais participantes, e outra para os sábados na que foron 6 os establecementos presentes, vendéndose os bocadillos ao prezo de 1,50 €, podendo acollerse en tódolos locais á oferta “bocatín + caña a 2,50 €”.
Concello e sector hostaleiro foron da man nesta nova iniciativa que demostrou que o público de Salceda e arredores volveu dar unha resposta positiva. Precisamente o público terá a opción de conseguir vales de compra nos establecementos participantes no sorteo que se celebrará o vindeiro xoves 17 de maio durante os actos de celebración do Días das Letras Galegas. Ata ese día aínda poden entregar nos diferentes locais as súas tarxetas de participación nas que foron recollendo os selos dos establecementos, precisando un mínimo de cinco selos para poder participar no sorteo de premios.
Loli Castiñeira, Concelleira de Comercio e Turismo: “Resulta especialmente satisfactorio ves os locais ateigados de xente como os vimos estes dous días. Salceda segue a ofrecer novas alternativas de ocio e tempo libre, converténdose xa en referencia en toda a comarca. Seguiremos a traballar man a man co sector hostaleiro así como co pequeno comercio, na busca dos mellores resultados”

Deja un comentario