+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Agosto de 2018

O CONCELLO ACHEGA O 20º ANIVERSARIO DE ANTONIO FRAGUAS AOS COLEXIOS COA ENTREGA DE UNIDADES DIDÁCTICAS


Esta nova iniciativa pecha a parte inicial da programación municipal de homenaxe a Fraguas, que se extenderá ata novembro de 2019

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de achegar a súa programación polo 20º aniversario do pasamento do escritor, historiador e etnógrafo cotobadés Antonio Fraguas aos colexios públicos do municipio cun acto de homenaxe no CEIP de Carballedo no que participaron o presidente municipal, Jorge Cubela; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e a vicepresidenta da Fundación Fraguas, Concepción Losada; e que tamén servíu para entregar unha unidade didáctica, moi lúdica e visual, sobre este gran persoeiro aos rapaces de 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria. No acto tamén estiveron presentes varios membros do goberno local e Xosé Manuel González Reboredo, Clodio González e Paco Fariña en representación da fundación que leva o nome do homenaxeado.

O Concello deseñou un programa de actividades de lembranza e posta en valor de Antonio Fraguas, que conta coa colaboración de Política Lingüística e da Fundación Fraguas, que arrancou hai tres semanas cun acto de homenaxe no Museo do Pobo Galego. Paralelamente, e co obxectivo de dar a coñecer aínda máis esta figura entre a veciñanza, tamén se elaborou un díptico informativo cunha tirada de 1.500 exemplares e se programou esta xornada escolar, coa que se puxo fin á parte inicial destes actos, que se prolongarán ata novembro de 2019.

Na xornada de hoxe, Cubela, García e Losada compartiron parte da mañá cos escolares de Carballedo para explicarlles a importancia da figura de Fraguas na cultura galega do século XX e entregáronlles unha ficha didáctica que permitirá que coñezan máis en profundidade e dun xeito lúdico a súa traxectoria. Estas unidades educativas xa foron entregadas ao Concello, que llas fará chegar tamén aos escolares dos colexios de Tenorio e Cerdedo.

Polo demais, Cubela, que recepcionou tamén os dípticos informativos para a veciñanza xunto a Valentín García, quixo destacar a importancia deste acto con escolares en torno a Fraguas, “xa que cremos que as novas xeracións deben coñecer e querer a figura e a obra de Fraguas para poder transmitir con orgullo o seu legado” e ademais considera fundamental “que saiban e coñezan que destas terras saen, e ben seguro que seguirán saíndo, as figuras máis importantes

da nosa cultura, o que serve para realzar a importancia do rural como punto de partida para alcanzar os fitos que un se propoña con adicación e talento”.

Finalmente, explicou que a fase inicial do 20º aniversario polo pasamento de Fraguas “dase por rematada tras poñer en valor a súa figura en Santiago e dalo a coñecer entre toda a veciñanza, algo que se plasmará nos vindeiros meses coa distribución dos dípticos, e entre os cativos dos nosos colexios” e adiantou que, tras o verán, retomarase toda a programación de homenaxe, xa dun xeito máis intenso ao aproximarse a data concreta do 20º aniversario.

A xornada rematou cunha entrevista radiofónica ao secretario xeral de Política Lingüística na emisora escolar, Cast@ Radio, que xestionan os propios escolares de Carballedo.

Deja un comentario