+034 986 09 02 04 Mércores 23 de Maio de 2018

O RÍO VERDUGO RECIBE 150 EXEMPLARES DE TROITA


O alumnado do colexio Cordo Boullosa participa nunha actividade que preludia a festa gastronómica de Ponte Caldelas

O río Verdugo prepárase para a Festa da Troita. Hoxe recibiu 150 exemplares que foron liberados por un grupo de preto de 40 alumnos de Terceiro de Primaria do colexio Manuel Cordo Boullosa e polos técnicos do Servizo de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente.
As troitas coñeceron así o seu novo hábitat e terán tempo de adaptarse antes do concurso internacional de pesca que se celebra con motivo da festa máis senlleira de Ponte Caldelas. Os exemplares eran maioritariamente duns 20 centímetros de lonxitude, pero tamén había varios con envergaduras de ata case 30 centímetros.
Ata o lugar desprazáronse o alcalde, Andrés Díaz, e o concelleiro e director do colexio, Manuel Barreiro, e o tamén concelleiro José Manuel Martínez. Tamén participou o presidente da Sociedade de Caza e Pesca Verdeseixo, Lino Mariño. Todos eles recibiron as explicacións do capataz do servizo autonómico, Víctor Rial, que foi o encargado de dalas instrucións para a solta.
Víctor Rial destacou que todas as troitas son exemplares capturados con motivo das limpezas periódicas que se efectúan na contorna das minicentrais eléctricas do Verdugo, polo que, simplemente, trasladáronse río arriba. Son exemplares adultos e perfectamente adaptados ás condicións destas augas. Os técnicos subliñaron que o nivel de supervivencia é practicamente total nestas condicións e tamén garántese unha maior capacidade reprodutora.
Con esta actividade, danse por repoboados varios treitos do río unha semana antes da Festa da Troita, que inclúe un concurso internacional de pesca con gran sona en toda Galicia. O peixe foi liberado no couto dedicado á captura sen morte, é dicir, con obriga de devolver as pezas que piquen ao río.
Os exemplares de troita chegaron nunha furgoneta pick-up especialmente adaptada para levar un colector de auga e con todos os utensilios necesarios. Os técnicos foron os encargados de asesorar aos rapaces no procedemento da solta, aínda que, como é habitual, houbo dificultades para manter as escorregadizas pezas na man.
Os nenos, previamente á solta e acompañados polos seus profesores, recibiron unha completa explicación por parte dos técnicos de Medio Ambiente tanto sobre a vida no medio natural, como a cría e as actividades de repoboación.

Deja un comentario