+034 986 09 02 04 Luns 20 de Agosto de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

TOMIÑO ACOLLE A EXPOSICIÓN SOBRE O CONCURSO DE IDEAS PARA A NOVA PONTE PEONIL QUE UNIRÁ O CASTELINHO CO ESPAZO FORTALEZA


A mostra, de carácter itinerante, visitará proximamente a Câmara de Vila Nova de Cerveira, e os colexios de enxeñeiros de camiños e de arquitectos de Galicia

A exposición que recolle as 24 propostas valoradas dentro do Concurso internacional de ideas para a construción da ponte peonil que unirá o Parque do Castelinho co Espazo Fortaleza, chega agora a Tomiño despois da súa presentación na Deputación de Pontevedra. Esta é a primeira parada dentro do percorrido que realizará esta mostra itinerante, que máis adiante poderá visitarse na Câmara de Vilanova de Cerveira, na sé do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, en Coruña, e no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, en Vigo.

A exposición permanecerá aberta ao público en Tomiño ata o vindeiro 21 de maio, na primeira planta do Mercado de Abastos da Vila, e poderase visitar de luns a domingo, en horario de 10 a 14 horas e de 18 a 21 horas durante as tardes.

O deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez destacou a relevancia técnica das propostas que participaron no concurso así como a diversidade de países e enclaves dende os que chegaron. Benítez explicou que agora ábrese unha segunda fase do concurso, de maior complexidade, na que as tres propostas finalistas, ‘Raia’, de Álvaro Siza e Jorge Amorim Nunes da Silva; ‘Caminho do rio’ de Javier Zubia e Paula Teles, e ‘Una línea sobre el Miño’ das sociedades Burgos & Garrido e Bernabeu Ingenieros; entran nunha fase de negociado que se espera que se resolva á altura do verán.

O concurso internacional de ideas está incluído dentro do proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Visit Rio Minho, cofinanciado polo Interreg, que ten por obxectivo a posta en valor dos recursos endóxenos do río Miño. A fin última da construción da ponte é a de “crear un parque transfronteirizo” e “un espazo urbano único de xestión común entre os dous concellos”, segundo explicou o deputado.

A creación da nova ponte internacional enmárcase dentro da acción ‘Cualificación e promoción do parque transfronteirizo Castelinho-Fortaleza’, do proxecto VISIT RIO MINHO, promovido conxuntamente pola Deputación de Pontevedra, a CIM Alto Minho, a Fundación CEER, o Centro Tecnolóxico do Mar, a Universidade de Vigo e os municipios do norte de Portugal. VISIT RIO MINHO está cofinanciado ao 75 % por fondos FEDER da UE a través da convocatoria INTERREG V-A POCTEP 2014-2020 e ten por obxectivo a cualificación e valorización ambiental dos recursos endóxenos do territorio do Miño e a súa promoción como destino ecoturístico.

Deja un comentario