+034 986 09 02 04 Mércores 23 de Maio de 2018

O CONCELLO RENOVA A TRAÍDA DE AUGAS DE LAXOSO E PREPARA O ACCESO PARA O NOVO DEPÓSITO DE ABASTECEMENTO DE QUIREZA


A Brigada Municipal de Obras tamén está acometendo a reparación de rexas de pluviais en Fondós e outros puntos e arranxos en marquesiñas

O Concello de Cerdedo-Cotobade está acometendo nestas semanas, a través da Brigada Municipal de Obras, diversas melloras nas súas infraestruturas hidráulicas ou en elementos auxiliares das mesmas no territorio de Cerdedo co obxectivo de que o servizo estea en perfectas condicións e se poida manter sen incidencias o abastecemento á poboación.

Ao respecto, estase executando unha importante actuación na traída de augas do lugar de Laxoso, xa que se está a cambiar o vello entubado que achega o caudal dos mananciais ata o depósito existente. En concreto, estanse renovando as canalizacións nun treito de 1.200 metros de lonxitude e ata a zona achegouse o presidente municipal, Jorge Cubela, para realizar unha visita de inspección, que tamén extendeu ao lugar anexo da Barbeira, onde se está realizando o formigonado duns camiños para facilitar o acceso a fincas de veciños. Neste punto, o rexedor quixo agradecer a colaboración dos propietarios para a execución destes traballos.

Ademais, a brigada municipal tamén está efectuando unha intensa labor de desbroce no acceso ao predio no que se construirá o novo depósito de augas de Quireza, que se ubicará en Os Castros-Outeiro cun investimento de máis de 34.000 euros facilitado polo Concello á comunidade de montes a través dunha subvención nominativa recentemente aprobada. O actual camiño é moi estreito, xa que apenas permite o paso dun vehículo, polo que faise necesario realizar unha completa limpeza para posteriormente acondicionar o acceso coa compactación do firme e a dotación dunha capa de zahorra.

Paralelamente, o resto de membros deste equipo de traballo tamén están a reparar diversas rexas do servizo de canalización de pluviais en Fondós e outros puntos do territorio cerdedense e, xa fóra da área de infraestruturas hidráulicas, están a desenvolver pequenos arranxos en marquesiñas que presentan algún deterioro.

Cubela indicou que estes traballos “son moi necesarios para ter as infraestruturas e servizos hidráulicos en boas condicións, especialmente agora que chega o verán e hai máis risco de problemas no abastecemento”, pero lembrou que o concello “está tranquilo posto que conta con boas traídas que ademais vanse ver reforzadas este ano con 17 novos depósitos de auga, aínda

que o segredo para ter este bo servizo está en non confiarse e seguir facendo melloras
constantes”.

Deja un comentario