+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018

PONTE CALDELAS VE A BANDEIRA AZUL DA PRAIA DA CALZADA COMO UN RECOÑECEMENTO Á “HONESTIDADE INSTITUCIONAL”


O Concello, que xa está a traballar na contratación dos socorristas, destaca o fortalecemento da relación de confianza mutua con ADEAC

O Concello de Ponte Caldelas celebra a concesión da bandeira azul para a praia fluvial da Calzada pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) como un premio á “honestidade institucional” demostrada o verán pasado, cando renunciou voluntariamente ao emblema diante das dificultades para a contratación dos socorristas.
As normas de ADEAC obrigan a dispoñer de tres socorristas e a manter dous en servizo de maneira permanente. O ano pasado, diante da renuncia dun dos socorristas e a imposibilidade de substituílo pese aos reiterados intentos, optouse por arriar a bandeira azul e comunicalo inmediatamente á entidade concedente.
O procedemento de contratación para esta temporada xa está en marcha dende hai dúas semanas e está a piques de aprobarse a Oferta Pública de Emprego Temporal para a dotación das prazas. Ponte Caldelas amplía este ano o período de contratación a tres meses (do 15 de xuño ao 15 de setembro).
O Concello de Ponte Caldelas, gobernado polo PSdeG-PSOE, AVP e BNG, mantén a prudencia diante do sucedido o ano pasado. Porén, o alcalde, Andrés Díaz, é optimista, pois xa hai varias persoas que xa comunicaron o seu interese diante da mellora das condicións ofertadas. Aínda así, destaca, hai que manter a prudencia.
Á concesión da bandeira azul para a praia fluvial súmase tamén ao recoñecemento como Sendeiro Azul que distingue ao roteiro circular de 8,5 Km que discorre polas beiras do río Verdugo e inclúe os fermosos pasos da Fraga e de Portasouto. Prémiase así tamén o mantemento permanente deste espazo natural por parte do Concello.
O alcalde subliña que o ano pasado estreitouse a relación de confianza entre Ponte Caldelas e ADEAC, pois mesmo recibíronse felicitacións pola transparencia e a responsabilidade de ter arriado por decisión propia a bandeira azul. “ADEAC, con independencia de que debe facer as súas inspeccións para verificar o cumprimento de todos os requisitos, sabe que pode fiarse de nós”, remarca Díaz.
O Goberno local caldelán reitera o seu compromiso coa bandeira azul, coa mellora continua do espazo natural da praia da Calzada e coa responsabilidade na xestión “tomando as decisións responsables que sexan necesarias en cada momento”.

Deja un comentario