+034 986 09 02 04 Venres 14 de Decembro de 2018

O CONCELLO RECIBE A DERRADEIRA AUTORIZACIÓN, DE AUGAS DE GALICIA, PARA A REHABILITACIÓN DOS BAÑOS DE SAN XUSTOENTO


Nos últimos nove meses foronse obtendo os permisos pertinentes de Conservación da Natureza, Medio Rural, Montes e Patrimonio

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de recibir autorización de Augas de Galicia para acometer o proxecto de rehabilitación integral dos Baños de San Xusto, unha iniciativa que precisaba do visto bo deste organismo ao emprazarse en zona de servidume e policía do río Lérez. A solicitude cursouse o pasado mes de agosto e acaba de notificarse ao concello tras ser aprobada o pasado venres 4 de maio.

Este permiso culmina todo o proceso administrativo previo, xa que era o último que faltaba despois de que, ao longo dos últimos nove meses, se foran obtendo os da Consellería de Medio Rural e as direccións xerais de Conservación da Natureza, Montes e Patrimonio.

“Foi un longo camiño burocrático de case tres anos no que tivemos que afrontar un complexo proceso de municipalización e rexistro no inventario do Concello e, posteriormente, a solicitude de ata cinco autorizacións distintas de órganos autonómicos, pero todo o esforzo dase por ben feito porque estamos ás portas dunha obra histórica”, explicou o presidente municipal, Jorge Cubela, que concretou que, na súa autorización, Augas de Galicia establece unhas directrices sobre a execución da obra que son as habituais nestes casos para respectar o cauce e a contorna do río.

Agora, o executivo local vai activar con celeridade este investimento, que xa conta co oportuno proxecto xa que era preciso para recibir as citadas autorizacións. Esta actuación está cifrada en
687.000 euros, dos que 186.000 serán aportados polas arcas municipais e que xa están reservados despois de que o pleno aprobara esta partida na sesión celebrada hai uns días a través dun crédito extraordinario con cargo ao remanente de tesourería.

O proxecto consiste na rehabilitación da antiga minicentral para ser empregada como balneario e zona termal con pozas públicas, así como na recuperación dos muíños e doutros elementos patrimoniais e etnográficos da contorna. “É un proxecto moi completo e ben deseñado que vai servir para poñer en valor esta emblemática zona, recuperar o noso pasado e contar cun novo atractivo turístico que vai achegar a moita xente ao noso municipio”, explicou Cubela.

Deja un comentario