+034 986 09 02 04 Mércores 23 de Maio de 2018

O CONCELLO ACTIVA A ÁREA DE COMPOSTAXE DO COLEXIO DE TENORIO E IMPARTE FORMACIÓN AMBIENTAL AO ALUMNADO


A xornada completouse con xogos activos para que os estudantes aprendan a separar os residuos e unha visita á zona de compostaxe

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de activar diversas melloras medioambientais relacionadas coa separación e reciclaxe de residuos no colexio público de Tenorio coa posta en marcha da área de compostaxe instalada nas últimas semanas, a distribución de contedores específicos e a impartición dunha xornada formativa entre todo o alumnado. Esta actividade e o arranque destas iniciativas de concienciación escolar contaron coa presenza do presidente municipal, Jorge Cubela, e do concelleiro José Pichel.

En primeiro lugar, acaba de comezar a funcionar a área de compostaxe para tratar os restos orgánicos do comedor escolar, que se acometerá grazas á colaboración do persoal de cociña. Estes traballadores depositarán diariamente a comida sobrante e a taparán co material estruturante proporcionado polo Concello a partir dos restos triturados das labores de poda.

Este traballo, que contará co mantemento e supervisión da oficina municipal de Medio Ambiente, complementarase coa conformación dunhas “patrullas de reciclaxe” con alumnos de Primaria. Estes cativos serán os encargados de levar, cada semana, os restos de mondas de froita e dos ágapes do recreo ata o composteiro co obxectivo de implicalos de xeito directo neste proxecto.

Paralelamente, na xornada de hoxe celebrouse no colexio unha xornada de educación ambiental na que se abordou a problemática dos residuos, a contaminación, a importancia da separación do lixo nos fogares e a compostaxe. Esta actividade, impartida polo persoal municipal, distribuiu aos rapaces en grupos de Educación Infantil e Primaria para facilitar a formación.

A continuación, organizáronse diversos xogos activos para que os estudantes aprendan a separar os residuos e realizouse unha visita á area de compostaxe para que coñezan o proceso de conversión dos restos orgánicos en abono grazas ao traballo dos vermes.

Ademais, o Concello tamén vén de dotar á cociña e ao patio de recreo de contedores específicos
–azul e amarelo– para o fomento da reciclaxe e entregáronselle a cada curso bolsas de cores para que os profesores poidan traballar sobre estas materias diariamente nas clases. Todo elo

completouse coa entrega de contos e bolígrafos sobre reciclaxe a todos os alumnos grazas á colaboración de Ecoembes e Ecovidrio.

Tras esta xornada, Cubela, que quixo agradecer a máxima colaboración da dirección e do persoal de cociña do colexio de Tenorio, destacou a importancia de todas estas iniciativas “para sementar entre os cativos o valor da reciclaxe para o coidado do medio ambiente” e subliñou o gran traballo que se está a acometer neste departamento “para realizar proxectos pioneiros que nos sitúan á vangarda na comunidade galega”.

Deja un comentario