+034 986 09 02 04 Xoves 19 de Xullo de 2018

SANAMEDIO CELEBRA ESTE XOVES A ROMARÍA DAS LETRAS GALEGAS


Entre as actividades propostas están actuacións musicais, sorteos, concurso de debuxo para a rapazada e cantina
O lugar de Sanamedio, pertencente á parroquia bueuesa de Beluso, acollerá este xoves a Romaría das Letras Galegas, un evento que se recuperou o ano pasado e que conta cunha gran diversidade de actividades a favor da lingua, da tradición e da cultura galegas. Os eventos comezarán ás 12.00 h da mañá co pregón a cargo de Nela Álvarez Lozano, e continúan coa actuación do Grupo de Danzas Pais de San Roque e Os Liboreiros.
Ás 13.00 h é a quenda do grupo Bandas e Percusión María Soliña acompañados do grupo de pandereteiras Trikoloma, e un recital de poesía a cargo da poeta local Míriam Ferradáns. Ás 14 horas, comezará unha xornada de xogos populares para os máis pequenos e pequenas con corda, aros, zancos, sacos, pesca, cadeiros, busca do tesouro, concurso de debuxo…
Xa pola tarde será a quenda do festival infantil, con actuación de Polo Correo do Vento ás 15.45, seguido d’ Os Chaneiros de Marín, o Grupo de Danzas Pais de San Roque e Os Liboreiros, a actuación de Retrouso, Os Mulos e entrega de agasallos ás agrupacións por parte do concelleiro de cultura, Xosé Leal.
Para rematar, ás 18.30 horas desenvolverase un concurso de debuxo con entrega de premios aos gañadores/as.
Esta actividade está organizada pola Asociación Cultural de Sanamedio, o Grupo de Danzas Pais de San Roque e o Grupo de Gaitas Os Liboreiros, coa colaboración do Concello de Bueu e da Deputación de Pontevedra, amais de diversas entidades. Para pasar un día en familia, a organización destaca que no recinto da romaría haberá cantina, postos artesáns, tómbola e sorteos.

Deja un comentario