+034 986 09 02 04 Martes 13 de Novembro de 2018

O CONCELLO REMATA A RENOVACIÓN DO NOVO CAMPO DA FESTA E CREACIÓN DUN APARCADOIRO EN FIGUEROA


Acometeuse a explanación, excavación de terraplén, construción de muros de contención, a renovación do firme e a instalación de valados

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de rematar as obras de renovación e ampliación do campo da festa da parroquia de Figueroa e a construción dunha bolsa de aparcadoiro nas súas inmediacións. Esta actuación, na que se investiron 140.000 euros e que só estaba pendente da pavimentación e da instalación de valados e peches, foi inspeccionada polo presidente municipal, Jorge Cubela, tras a conclusión destes últimos traballos.

As obras executadas foron bastante completas, xa que incluiron a explanación do recinto existente, a excavación do terraplén e posterior extendido de material e a construción dun muro de contención en cachotería de pedra con dous metros de altura na fronte da parcela e doutro muro perimetral de 20 centímetros de ancho e un metro de altura sobre o que se colocou o valado exterior de cobertura plástica verde fixado cuns postes. Tamén se realizou a condución de augas pola parte exterior e unha rigola prefabricada en formigón para a recollida de pluviais que desaugarán nun sistema de entubado.

En canto aos últimos traballos, consistiron na dotación dunha nova capa de firme con 20 centímetros de macadán como base, unha rega de adherencia e unha derradeira soleira de mistura bituminosa en quente con 6 centímetros de espesor. Ademais, o campo da festa xa está pechado con valado plástico e dispón dun sistema de acceso consistente nunha porta deslizante de aceiro galvanizado de 8 metros de lonxitude e 1,5 metros de altura e dun zócalo para protexer as rodas, raíl, poste de peche e guía vertical.

Cubela indicou que o campo da festa e a súa contorna “quedaron en perfectas condicións” e concretou que o recinto conta agora “coas dimensións suficientes para acoller as festas e todas as demais actividades sociais desta parroquia, ao tempo que se dispón dunha área de estacionamento de sobrada capacidade para acoller a todos os vehículos que se achegan a estas citas lúdicas e veciñais”.

Deja un comentario