+034 986 09 02 04 Mércores 12 de Decembro de 2018

MÁIS DUNHA TRINTENA DE “FURGOS” E “CAMPERS” ESTARÁN EN PONTE CALDELAS DURANTE A FIN DE SEMANA


Os visitantes aprenderán sobre a loita contra os efectos do lume, participarán nunha reforestación e sumaranse á andaina Patea Tapea

O turismo “low travel” chega a Ponte Caldelas durante esta fin de semana. Máis dunha trintena de “furgos” e “campers” estarán durante toda a fin de semana para participar nun completo programa de actividades co achegamento á Natureza e o voluntariado como fíos condutores.
A actividade está organizada polo Clube Camper Galicia en colaboración con Van&Life, o colectivo local A Rente do Chan e o Concello de Ponte Caldelas. A “quedada” xurde a raíz da relación con este modalidade turística de Xosé de la Fuente, axente forestal da zona, propietario dunha destas singulares furgonetas adaptadas como vivendas rodantes.
O Concello puxo a disposición dos asistentes a zona habilitada para autocaravanas en Chan da Barcia, así como o Pavillón de Deportes, onde disporán de duchas e servizos. A día de hoxe xa está confirmada a participación duns 30 vehículos e un mínimo de 50 persoas, procedentes de toda Galicia, pero tamén algunha doutros puntos de España.
Xosé de la Fuente explicou que non deben confundirse este tipo de vehículos coas autocaravanas, que son fabricadas ex profeso para este fin. As furgonetas e as “camper”, estas últimas algo máis grandes, son vehículos reconvertidos e que son tamén nun sinal de identidade dos seus propietarios. De feito resultan moito máis baratas que as autocaravanas, e mesmo poden entenderse como unha expresión cultural, como unha filosofía de vida, un xeito distinto de vivir as vacacións, potenciando sempre a relación coa xente e o territorio.
“Gústanos de fomentar a unión entre nós, dinamizar e deixar unha pegada positiva alá por onde pasamos”, explica. Así xorde a idea de participar nunha actividade de reforestación, que se vai desenvolver no monte de Paradela, completando o labor que hai escasas semanas iniciaron os membros dunha asociación de solidariedade de ámbito internacional.
O programa comeza o venres pola tarde, coa chegada dos organizadores, que serán os encargados de ir recibindo aos participantes. O sábado pola mañá está programada unha charla informativa sobre os efectos dos lumes en Ponte Caldelas a cargo dos membros de A Rente do Chan. A continuación desprazaranse a Paradela para acometer os traballos de reforestación, incluíndo tamén o control e retirada de eucaliptos e acacias. Xa o domingo, participarán na andaina de 13 Km que inclúe o Sendeiro Azul de Ponte Caldelas, é dicir, o roteiro que comunica a praia da Calzada coas beiras do río, incluíndo os emblemáticos pasos da Fraga e Portasouto.

Deja un comentario