+034 986 09 02 04 Luns 20 de Agosto de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O GOBERNO DE CARMELA SILVA INVESTIU MÁIS 5,5 MILLÓNS DE EUROS NO CONCELLO DE GONDOMAR EN CASE TRES ANOS


O deputado de Cooperación David Regades visitou a contorna da Praza da Paradela que será rehabilitada e humanizada grazas ao Plan de Reequilibrio da institución provincial

 

O deputado de Cooperación David Regades, xunto ao alcalde de Gondomar Francisco Ferreira, supervisou en Gondomar o estado dos investimentos da Deputación de Pontevedra na vila do Val Miñor que en case tres anos chegou aos 5.513.861 euros. Só no referido ao Plan Concellos, o goberno de Carmela Silva pon a disposición do concello miñorán 1.667.227 euros, o que supón un 77,2% máis que o pasado ano 2017.

Regades realizou unha visita á contorna da Praza da Paradela, que é obxecto da gran obra de humanización e rehabilitación en Gondomar incluída no Plan de Reequilibrio da Deputación de Pontevedra, cun orzamento total de 798.820,74 euros, dos que a institución provincial pon 639.056,65 euros e o concello 159.764,09 euros.

O deputado provincial de Cooperación sinalou que “estamos moi sorprendidos de forma moi positiva porque en breve a xente poderá mirar xa ás escavadoras chegando á praza do Concello para empezar a traballar. Falamos dunha reclamación histórica da veciñanza de Gondomar que con estas obras poderá ter unha praza que aglutinará zonas verdes e un lugar de esparcemento”. David Regades puxo en valor ao alcalde e ao equipo de goberno da vila porque “ata que este goberno chegou ao concello ninguén conseguiu antes o que será a verdadeira transformación do casco urbano e, ademais, dunha forma moi respectuosa co patrimonio e co medio ambiente. Gondomar conseguirá por fin unha zona axardinada moi importante, que recupera unha senda de auga pero sobre todo a creación dun punto de encontro das veciñas e veciños”.
O deputado felicitou ao alcalde e a todo o equipo do goberno “polo que será o gran cambio no centro de Gondomar, cun proxecto tratado con gran sensibilidade para humanizar unha zona tan sensible como o casco histórico”, dixo o deputado. Regades tamén se referiu aos máis de cinco millóns e medio de euros investidos nos últimos tres anos pola Deputación en Gondomar. “É diñeiro ben investido en proxectos para a xente e repartidos en cultura, cooperación, cohesión social, medio ambiente, mobilidade ou novas tecnoloxías. Eu non sei que farían gobernos anteriores tanto na Deputación como no concello de Gondomar, subliñou o deputado, porque hai anos que aquí non se miraba unha obra. E aínda queda ano e medio de mandato polo que de seguro que chegaremos a moito máis”.

Pola súa parte, o alcalde, Francisco Ferreira, agradeceu os investimentos da Deputación “a inversión máis grande que nunca se houbera feito na vila que está a transformar este concello“. Ferreira lamentouse de que a Xunta de Galicia “non so non teña a mesma aposta que a Deputación, porque aquí a inversión autonómica é cero salvo una pequena achega de Medio Rural que nos corresponde como concello pero que parece máis unha esmola que outra cousa”.

O deputado Regades tamén aproveitou a súa presenza en Gondomar para visitar a zona onde co Plan Concellos 2018, a Deputación financiará as obras de urbanización na rúa da Igrexa cun orzamento de case 70.000 euros.

Deja un comentario