+034 986 09 02 04 Luns 30 de Novembro de 2020

O CONCELLO VAI ABRIR EXPEDIENTES DE RECUPERACIÓN DE VÍAS ANTE A COLOCACIÓN DE PECHES NA PARCELARIA DE REBORDELO


Advírtese de que as persoas que cometan estas actuacións poden sufrir a apertura dun expediente sancionador, sen perxuízo de accións xudiciais

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de anunciar a apertura de expedientes de recuperación de camiños públicos na parroquia de Rebordelo tras detectarse que certas persoas veñen de instalar peches en vías creadas polo proceso de concentración parcelaria e que, polo tanto, son de uso veciñal e municipal.

Ante esta situación, que foi detectada con sorpresa polo executivo local, vense de editar un bando informativo no que se sinala que, segundo recolle o Regulamento de Bens de Entidades Locais, “son bens de uso público local os camiños, prazas, rúas, paseos, parques, fontes e estanques, pontes e demais obras públicas de aproveitamento e utilización xenerais cuxa conservación e policía sexan da competencia da entidade local” e, entre as mesmas, atópanse os accesos e viais derivados das concentracións agrarias.

Por elo, o goberno, tras recibir aviso e queixas veciñais por estes feitos, vai proceder á inmediata recuperación dos camiños públicos e ademais, segundo explica o bando, advírtese a todas aquelas persoas que cometan estas accións que, de persistir na súa actitude de apropiación de bens e vías municipais, veranse inmersas na apertura dun expediente sancionador. E elo sen perxuízo das posibles consecuencias xudiciais que se deriven destes feitos, xa que o Concello xa interpuxo a correspondente denuncia ante a Garda Civil para que investigue estes feitos e adopte as medidas oportunas.

“No noso concello o que é público é de todos e todos temos dereito a utilizalo e tamén a responsabilidade de coidalo, pero é inadmisible que alguén o tente privatizar ou limitar o seu uso. En Cerdedo-Cotobade esto non se vai permitir, así que é mellor que algún cese no seu empeño, porque vai atopar de fronte non só ao Concello, senón á práctica totalidade dos veciños”, explicou o presidente municipal, Jorge Cubela.

Deja un comentario