+034 986 09 02 04 Sábado 11 de Xullo de 2020

OS CANS DE PALLEIRO MÁIS LISTOS E CON MELLOR MORFOLOXÍA PARTICIPAN NO MARCO DA  41ª FEIRA ABANCA SEMANA VERDE DE GALICIA


 

SERÁ NA ÚLTIMA PROBA PUNTUABLE PARA O TROFEO CAN DE PALLEIRO 2018 E NO CONCURSO “MIRA QUE LISTO É O MEU CAN”

O can de palleiro será protagonista dun interesante programa de actividades que se desenvolverá na 41º Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebrará do 7 ao 10 de xuño na Feira Internacional de Galicia ABANCA.

No seu marco destacarán dous concursos, sendo o primeiro deles o Morfolóxico da Raza Can de Palleiro. Trátase da última proba puntuable para o Trofeo Can de Palleiro 2018, unha nova competición que se vén desenvolvendo dende fai un ano coa celebración doutros concursos morfolóxicos nos que distintos exemplares foron acumulando puntos en función da súa clasificación en cada concurso. Ao final entregarase o Trofeo ao mellor can de palleiro deste último ano.

Ao seu remate celebrarase o segundo dos concursos, baixo o nome “Mira que listo é o meu can”. Nel participarán unicamente afeccionados e consistirá en que os propietarios amosen o que son capaces de facer cos seus cans, valorándose o “listos” que son estes e o que os seus donos lles teñen ensinado.

Así mesmo, dentro deste programa organizado polo Club Can de Palleiro, realizarase unha Master Class. Estará dirixida especialmente a nenos e centrarase na relación con cans que non coñecemos e na educación básica dunha mascota.

Palleiros de Honra

Por outra banda, no marco do certame farase entrega dos premios Palleiro de Honra, os máximos galardóns que outorga o clube, que nesta ocasión recaeron en Belén do Campo, directora xeral de Gandería da Xunta de Galicia, e en Jorge Mourelo e David Mosteiro, subdirector e xefe de servizo da mesma dirección xeral.

Tamén neste acto entregaranse os Palleiros Destacados aos socios máis activos durante este ano e os premios do concurso de fotografía da raza.

A participación dun grupo de música tradicional completará as propostas centradas no can de palleiro nunha xornada que contará coa actor Pepo Suevos como mestre de cerimonia e presentador.

Deja un comentario