+034 986 09 02 04 Sábado 11 de Xullo de 2020

A HERBA COMEZA A CRECER NA ÁREA ARQUEOLÓXICA DE TOURÓN DESPOIS DE QUE O CONCELLO ELIMINARA OS TOXOS


A limpeza que salvou dos incendios o mellor xacemento de petróglifos de Galicia repítese este ano e esténdese á eliminación das acacias

A Área Arqueolóxica de Tourón cambiou moito o seu aspecto gracias aos investimentos que está a realizar o Concello de Ponte Caldelas. Despois da limpeza realizada en maio do ano pasado, cando se eliminou a toxeira duns 3 metros de altura que cubría a totalidade das 15 Hectáreas do xacemento, coa única excepción dos petróglifos, agora estase a realizar un labor de mantemento.
O mantemento continuo por parte do Concello de Ponte Caldelas, poñendo fin a unha década de abandono, xa está a propiciar o crecemento da herba convertendo a antiga toxeira nun prado que invita ao paseo e á visita. Ao mesmo tempo, plantáronse pequenos carballos que están xa a crecer.
O Goberno local caldelán (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) destaca que a limpeza realizada o ano pasado foi clave para evitar a propagación do lume forestal do pasado mes de outubro. As lapas chegaron ás portas mesmas da Área Arqueolóxica, pero os petróglifos non sofreron dano algún porque a súa contorna estaba limpa. Agora preténdese que esta situación se consolide.
O alcalde, Andrés Díaz, visitou a zona e destacou que tras dúas limpezas en anos sucesivos a situación ten cambiado espectacularmente. O traballo require de maquinaria, pero tamén se realiza a man nun perímetro de seguridade ao redor dos petróglifos. Antes de comezar a traballar balízase o espazo para evitar accidentes e mimar o coidado do que se considera como o xacemento de petróglifos máis valioso de Galicia, tanto por ser o que atesoura o maior número de escenas de caza como pola presencia nel da Laxe das Cruces, considerada por moitos estudosos como a pedra máis significativa.
Este ano, ademais, iníciase o labor de control e retirada de acacias na parte superior do parque, que constitúe a parte máis laboriosa do traballo emprendido polo Concello de Ponte Caldelas.
Andrés Díaz destacou que nos tres anos que van de mandato municipal repúxose o valado de madeira de peche da práctica totalidade do recinto, mellorouse a sinaléctica e acometeuse o grave problema do abandono da Área Arqueolóxica a causa da invasión dos toxos, todo elo acometido en solitario polo Concello, optando nalgunha destas actuacións a subvencións da Deputación Provincial.
O alcalde lamentou que a conservación dun espazo arqueolóxico único no mundo dependa unicamente do Concello de Ponte Caldelas. Os petróglifos son unha arte milenaria, declarada BIC, e que moitos colectivos, entre eles o propio Concello están reclamando que sexan declarados tamén patrimonio da humanidade pola UNESCO, “pero a Xunta, como é habitual, decidiu non colaborar”.

Deja un comentario