+034 986 09 02 04 Sábado 19 de Setembro de 2020

AVANZAN AS OBRAS DA MELLORA INTEGRAL DE VÍAS E DE SERVIZOS NA TRAMA INTERIOR DE PARADA DE TENORIO


A actuación conta cun investimento de 25.000 euros ao abeiro do Plan Marco rexional e se prolongará durante as vindeiras semanas

A Xunta de Galicia xa ten moi avanzadas as obras do proxecto de mellora integral de vías e de servizos na trama interior do lugar de Parada de Tenorio, que conta cun investimento de 25.000 euros ao abeiro do Plan Marco de Mellora de Camiños Municipais promovido pola administración autonómica.

Con motivo do desenvolvemento dos traballos, o presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, realizou unha visita á zona para inspeccionar o seu estado –ao igual que xa fixera no pasado mes de marzo para analizar os detalles previos–, xa que quere estar enriba desta actuación posto que a mesma ten certa complexidade pola estreitez viaria de gran parte do lugar e pola necesidade de encauzar axeitadamente os servizos. De feito, na visita anterior, na que estivo acompañado de técnicos e veciños, decidíronse certos axustes e pequenos remates que están a enriquecer a execución do proxecto.

A actuación, que se prolongará aínda durante as vindeiras semanas, estase a centrar no ensanchamento dalgúns puntos e curvas, na renovación do firme do principal camiño interno de Parada de Tenorio e na pavimentación e acondicionamento da canalización de augas pluviais na vía principal e no ramal lateral deste lugar.

Cubela, que quixo destacar que tanto o proxecto como a situación actual das obras “van moi ben perfilados, xa que recollen as peticións veciñais”, explicou que todas estas visitas “son de gran importancia, xa que serven para concretar detalles sobre o terreo e evitar posteriores correccións que son complexas”.

Finalmente, explicou que a obra “conta con gran importancia para mellorar, ao máximo que permiten as circunstancias das propiedades e as vivendas existentes, as conexións internas e os servizos de Parada de Tenorio, que é un lugar moi importante desde o punto de vista poboacional e por iso temos que facer un importante esforzo para que estea nas mellores condicións para os nosos veciños”.

Deja un comentario