+034 986 09 02 04 Sábado 19 de Setembro de 2020

COS BOLECHAS O GALEGO MOLA MÁIS


Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá recibiron á rapazada que se achegou á praza de Montero Ríos para coñecer a exposición sobre o galego e as variedades dialectais
‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego’ transforma o universo Bolechas nun percorrido ad hoc para coñecer e divertirse coa riqueza do noso idioma
A praza de Montero Ríos acolle ata o vindeiro 29 de maio a carpa coa mostra didáctica ‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego’ coa que a Deputación de Pontevedra pretende achegar, a través do universo Bolechas, a riqueza do idioma galego a todas as comarcas da provincia. A exposición, que arranca en Pontevedra, foi inaugurada  coa presenza dos irmáns e irmás Bolechas, Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá, que se achegaron ata a capital da provincia para darlle a benvida e saudar a todos os nenos e nenas que se congregaron na praza de Montero Ríos. Tamén estiveron presentes o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, a deputada delegada de Príncipe Felipe, Eva Vilaverde, o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, o alcalde da localidade, Miguel Anxo Fernández Lores, e representantes da Editorial Bolanda, Antonio Couto, Teresa Rocamonde e Tomás Valín.
A riqueza do idioma e a necesidade de mantelo vivo e fomentar o seu uso desde idades temperás foi o fío condutor de todas as intervencións do acto oficial de apertura. Xosé Leal indicou que “son os nosos pais, nais, avós e avoas as que preservaron realmente o idioma e as que conseguiron que se manteña vivo ata hoxe en día con todas as súas especificidades”. O deputado de Cultura e Lingua asegurou que é necesario familiarizarse e aprender o galego que se fala en diferentes partes do país e parabenizou á cativada que asistiu ao acto de inauguración por ser “os primeiros, os que estreades esta exposición, que despois se desprazará polo resto das comarcas”. Pola súa banda, o alcalde asegurou que “a lingua é algo fundamental e característico das persoas humanas” e puxo de exemplo unha sentenza de Castelao na que afirmaba que “para idioma universal xa está o que falan os animais, as persoas temos a lingua que nos é propia, que é a nosa bagaxe cultural característica do lugar no que vivimos”. Miguel Anxo Fernández Lores aseguroulle aos rapaces e rapazas que “temos que defender a nosa lingua, e unha forma de defendela é xogando e falándoa con total normalidade”.
Antonio Couto explicou, en nome da Editorial Bolanda, que acometeron esta proposta expositiva “porque encaixa ao 100% co ADN dos Bolechas” e indicou que “moitos nenos teñen o seu primeiro contacto coa lingua galega a través dos Bolechas”. Antonio Couto asegurou que “ademais de todos os compoñentes divertidos, a mostra ten un marcado carácter didáctico e pedagóxico” e defendeu “a riqueza e a diversidade da nosa lingua como un patrimonio inmaterial”, ao tempo que parabenizou ao departamento provincial de Cultura e Lingua por crear esta proposta e achegala por toda a provincia.
A exposición, tras arrancar en Pontevedra, fará paradas en Lalín e en Vilagarcía no mes de xuño, e no outono continuará por Moaña, A Estrada, A Cañiza, Caldas, Tomiño, Ponteareas e Vigo. Pola mañás a mostra poderá visitarse en grupos organizados a través dos centros educativos –os centros educativos que desexen concertar visitas poden dirixirse ao enderezo electrónico osbolechas@osbolechas.com ou no teléfono 981 569 155-, e polas tardes abre para todo tipo de público. O horario de apertura é de 10 a 13:30 h e de 16 a 20 h, de luns a venres. Os sábados, domingos e festivos o horario é de 11 a 14 h e de 17 a 21 horas.
Estrutura
A mostra, ademais de todos os aspectos lúdicos e pedagóxicos que contempla, tamén coida especialmente os elementos relativos á inclusión e á accesibilidade, tanto física como sensorial. Neste sentido, inclúe ramplas de acceso ao recinto, así como elementos sonoros e sensoriais, en braille e pictogramas de fácil lectura – estes últimos especialmente indicados para a cativada con dificultades na aprendizaxe e mesmo con trastornos do espectro autista-.
O percorrido pola carpa estruturase en diferentes áreas consecutivas. A primeira sitúase xa na entrada coa ‘Porta das palabras’, onde os rapazas e rapaces xa comezan a formar parte do proxecto toda vez que deben decidir por que porta entran ao recinto, xa que cada unha ten un nome e unha singularidade particular. Séguenlle ‘A xanela‘ con paneis para xogar coas variedades dialectais do idioma; e o ‘Toque-toque’, unha zona táctil para interactuar a través de xogos e ir aceptando e superando retos. O eixo central é o ‘Faladoiro’, concibido como o gran teatro dos diálogos nun espazo deseñado como unha aula-auditorio con bancadas, escenario e pantallas para visualizar aventuras dos Bolechas e participar de viva voz no concurso que propoñen os audiovisuais. Continua coa sección ‘A mergullarse’, unha piscina de bólas concibida para navegar nun mar de palabras que deben atopar e encestar no caixón correspondente; coa sección ‘As nubes’, unha área inmersiva e multisensorial de luces, cores e son para estimular a aprendizaxe da linguaxe de xeito protagonista; ‘Cantareira’ a modo de gran karaoke para interpretar cancións nas diferentes variedades dialectais; ‘Afouteza’, unha zona touch e de experimentación con xogos táctiles de destreza, debuxo e pintura, tanto interactivos como tradicionais; e por último, “Chan”, o gran mapa da linguas concibido como un xogo xigante da oca no que o taboleiro é un gran mapa de Galicia coas diferentes variedades dialectais, e cos seus correspondentes obstáculos, retos, desafíos e penalizacións.
Ademais a mostra contempla materiais de apoio e complementarios, como son as unidades didácticas deseñadas ad hoc a modo de caderno de actividades, que complementan e serven de repaso de todo o visto e vivido no percorrido expositivo. Inclúe tamén un libro aventura protagonizado polos Bolechas sobre as variedades dialectais do galego.

Deja un comentario