+034 986 09 02 04 Luns 25 de Xuño de 2018

MARC, O MONO QUE NACEU DUN OVO, ACHEGA A TRANSEXUALIDADE A SALCEDA


Chrysallis Galicia, Asociación de Familias de Menores Transexuais, da man da súa Vicepresidenta Eva Serantes, presentou en Salceda de Caselas o conto infantil “Marc, o mono que naceu dun ovo”. O relato, escrito por José Luis e Saúl Serantes Vaz, conta a historia de Marc, un mono que polo feito de ter nacido dun ovo está obrigado a ser unha ave, cando a realidade é que é un mono. Marc non consegue a súa felicidade ata que o seu entorno non o recoñece como o mono que sempre foi. Así, dun xeito didáctico e sinxelo, o conto busca achegarlles ás crianzas e aos seus proxenitores a realidade trans. A explicación completouse con un entretido obradoiro no que o público se converteu en detectives na busca de pistas que levasen a determinar as diferenzas entre un neno e unha nena, quedando claro que non existen tales diferenzas, senon que cada un será neno ou nena según o sinta, e non segundo indique o seu corpo. Para rematar o acto, Eva Serantes en nome da Asociación, fixo entrega de varios exemplares do libro á Biblioteca Municipal de Salceda, libros que foron recollidos pola Concelleira de Benestar Social e Igualdade Tere Pérez e polo Alcalde de Salceda, Marcos Besada.
Chrysallis segue así co seu intenso traballo de divulgación e información sobre a realidade trans centrándose sempre na poboación infantil e xuvenil. Lembra a asociación que dende aproximadamente os 2 anos, os nenos e nenas comezan a ser conscientes da súa identidade sexual, polo que a infancia trans amosa de forma espontánea a súa disconformidade co sexo asignado no momento do nacemento. Resulta fundamental para o benestar e a autoestima destas crianzas que se lles recoñeza polo nome co cal se identifican e que se lles permita vestirse e comportarse de acordo coa súa identidade sexual. Chrysallis está a desenrolar unha importante laboura tamén en numerosos colexios, con charlas e obradoiros para achegar esta realidade ao alumnado. Deste xeito, a Asociación anima a tódolos colexios do País a poñerse en contacto coa mesma, para poder levar as actividades a todos aqueles centros que o demanden.
Eva Vaz, Vicepresidenta de Chrysallis: “Queda moito camiño por andar, pero seguiremos a traballar intensamente polo recoñecemento dos dereitos das nosas crianzas transexuais, e pola mellora das súas condicións de vida. A clave está no respeto ao que cada quen queira ser, fuxindo de estereotipos e de ideas preconcebidas. Neste senso a sociedade de Salceda está a dar un grande exemplo, polo que sempre é un pracer facer este tipo de actividades na vila”.
Tere Pérez, Concelleira de Benestar Social e Igualdade: “A realidade trans está máis presente do que pensamos, pero aínda quedan por desgraza moitas persoas e familias que non se atreven a decilo, polo que a actividade de asociación como Chrysallis resultan fundamentais para que vexamos o mundo con outros ollos. Eva Serantes e toda a Asociación saben que contan co apoio do Concello de Salceda na loita pola visibilización da realidade trans, polo que todas as súas iniciativas serán benvidas neste municipio”.

Deja un comentario