+034 986 09 02 04 Luns 20 de Agosto de 2018

A FESTA DO SALMÓN REPITE RÉCORD CON 12.000 PERSOAS ATEIGANDO AS RÚAS DA ESTRADA


A degustación popular enche o Novo Mercado e remata cos 6.000 pinchos de vinte receitas servidos por dez establecementos
A 45ª Festa do Salmón volveu repetir as súas cifras récord de asistencia con 12.000 persoas ateigando as rúas da Estrada, o que permite igualar o tope de participación acadado no ano 2014. Deste xeito, o “rei do río” volveu demostrar o seu crecente poder de convocatoria e encheu o Teatro Principal no acto institucional, o Novo Mercado e a súa contorna para a degustación popular, a Zona dos Viños e outras rúas con gran peso hostaleiro, así como os restaurantes e moitos domicilios particulares que aproveitaron a xornada festiva para convidar a familiares e amigos en torno ao salmón.

 

O “día grande” arrancou a media mañá coa recepción de autoridades por parte do alcalde estradense, José López, e do resto da corporación municipal. Ata a festa achegáronse o conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez; as directoras xerais de Turismo e Administración Local, Nava Castro e Marta Fernández-Tapias; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, entre outros.

 

Tras a benvida protocolaria, a actividade festiva arrancou no Teatro Principal coa lectura do pregón a cargo do neurocientífico Carlos Acuña Castroviejo e coa imposición dos Salmóns de Ouro ao propio pregoeiro, á Coral Polifónica Estradense, que interpretou un tema en sinal de agradecemento, e á Fundación Casa Ducal de Medinaceli, que é a encargada de rexer os destinos do Pazo de Oca.

 

Neste acto institucional, o alcalde estradense aproveitou a súa quenda de intervención para poñer en valor e reivindicar o certame: “Temos unha festa moi grande e por iso hoxe quero destacar a importancia desta cita culinaria, xa que, como en moitos sitios, moitas veces valoramos máis o de fóra que o propio dun xeito inxusto. Temos unha festa que non xurdiu da ocorrencia de ninguén, senón que naceu das augas do Ulla e do bo saber das cociñas da Estrada para preparar as moitas capturas de salmón ata converterse no pobo que mellor o cociña de España”, comezou o rexedor local.

 

López proseguiu louvando a festa lembrando que “ten unha razón de ser que naceu da nosa natureza, que forma parte da nosa identidade e que se atopa no seo das tradicións” dos estradenses e engadiu que se trata “dunha das dez citas gastronómicas máis importantes, prestixiosas e antigas de Galicia”. “Temos unha gran festa construida por todos durante case medio século e quero agradecer o tesón de todos para situala no lugar que se merece”, detallou, antes de felicitar ao pregoeiro e aos beneficiarios dos Salmóns de Ouro, así como ao Centro de Iniciativas e Turismo e á Sociedade Deportiva Río Ulla. “Son dúas entidades clave e sen selas a festa non sería o mesmo e, sen dúbida, sería peor”, concretou.

 

Finalmente, tivo unhas palabras especiais para a hostalaría, a restauración e os cociñeiros da Estrada “polo cariño, calidade e imaxinación que aplicades á hora de preparar as vosas receitas de salmón, nas que misturades á perfección os pratos máis tradicionais coas propostas máis innovadoras” e apostillou que desde o Concello vaise seguir traballando para desestacionalizar este prato máis aló da primavera.

 

Tras este acto, o protagonismo do programa trasladouse ata o Novo Mercado e a súa contorna, onde os asistentes remataron cos 6.000 petiscos de existencias –repartidos en 3.000 bandexas con dúas racións cada unha– elaborados por unha decena de establecementos con vinte receitas distintas. Mentres se gozaba do salmón en plena rúa, o público que encheu este espazo da vila animouse coa música de Carlos Barruso Cuarteto e con actividades infantís.

Deja un comentario