+034 986 09 02 04 Mércores 22 de Agosto de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA APROBA 13 BOLSAS DE MOBILIDADE PARA ESTUDANTES DA PROVINCIA NO MARCO DO PROXECTO ERASMUS PRACTICUM DEPO


As 13 mozas e mozos, que partirán en xullo a Alemaña, Italia, Irlanda e Portugal, proceden de centros educativos dos concellos de Pontevedra, Gondomar e Cangas

O goberno de Carmela Silva aprobou hoxe a adxudicación de trece bolsas de mobilidade no marco do proxecto da Deputación de Pontevedra “Erasmus + Prácticum Depo 2017”. En concreto serán 13 as mozas e mozos de centros educativos dos concellos de Pontevedra, Gondomar e Cangas, que participarán na cuarta mobilidade do proxecto con destino a Alemaña, Italia, Irlanda e Portugal.

Máis polo miúdo, a presidenta da Deputación de Pontevedra informou que os alumnos e alumnas que partirán en xullo cara Alemaña, Italia, Irlanda e Portugal proceden dos centros educativos CFEA de Lourizán, IES Montecelo e IES A Xunqueira I de Pontevedra; IES Terra de Turonio de Gondomar e IES de Rodeira en Cangas. Silva recalcou que “o seu regreso está previsto para o mes de decembro, xa que a duración máxima das prácticas é de 182 días, máis ou menos seis meses”.

O grupo de mozas e mozos de Pontevedra, Gondomar e Cangas forma parte da cuarta mobilidade do proxecto “Erasmus + Practicum Depo 2017” que comezou en xuño de 2018 e rematará a finais de maio de 2019. En total, a institución provincial destina a esta cuarta mobilidade preto de 95.000 euros para cubrir os gastos de desprazamento e estancia.

A presidenta da institución provincial sinalou que o proxecto “Erasmus + Practicum Depo”, que conta cun orzamento de 700.967€ , “ten por obxectivo impulsar a mobilidade das persoas por motivos de aprendizaxe”. Carmela Silva tamén recordou que esta iniciativa “conta coa axuda da Dirección do Servizo Español para a Internacionalización da Educación” (SEPIE).

A través do programa de mobilidade de estudantes graduados e graduadas de Formación Profesional de ciclos medios pertencentes a distintas familias profesionais, a Deputación de Pontevedra colabora na súa integración no mundo laboral, a través de prácticas laborais en empresas e institucións estranxeiras.

Deja un comentario