+034 986 09 02 04 Domingo 05 de Xullo de 2020

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CONFIRMA UNHA OCUPACIÓN HOTELEIRA DO 65% NA PASADA PONTE DAS LETRAS GALEGAS


O Castelo de Soutomaior rexistrou a visita de preto de 3.000 persoas durante a ponte no marco das xornadas de portas abertas

O goberno de Carmela Silva abre mañá o prazo de solicitude para optar a unha das dez bolsas de práctica laboral destinadas á Rede de Oficinas de Turismo Rías Baixas

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, amosou esta mañá a súa satisfacción polos datos de turismo acadados na pasada ponte das Letras Galegas que ascenden, na provincia de Pontevedra, ao 65%. Os hoteis das Rías Baixas acadaron durante a pasada fin de semana resultados practicamente similares aos obtidos durante a Semana Santa, cando a porcentaxe se situou por riba do 68%.

Segundo informou Carmela Silva, a comarca que mantivo a porcentaxe máis elevada foi Caldas co 86%, seguida de Pontevedra co 76%, da comarca do Morrazo co 73%, Vigo co 72% e O Salnés co 65%. As comarcas do Condado e A Paradanta acadaron o 51% de ocupación hoteleira, Deza e Tabeirós-Terra de Montes o 48% e a comarca do Baixo Miño o 47,6%. En canto ao turismo rural a ocupación, tal e como asegurou a presidenta provincial, ascendeu ao 33%.

Carmela Silva tamén amosou a súa satisfacción polo récord de visitantes que está a rexistrar o Castelo de Soutomaior desde a súa reapertura. Deste xeito, se na primeira fin de semana da xornada de portas abertas se superaban as 1.000 visitas, nesta ponte foron 3.000 as persoas que acudiron ata Soutomaior procedentes de diferentes lugares da xeografía galega e do estado. Neste eido, a presidenta da Deputación de Pontevedra animou á cidadanía a seguir acudindo ao castelo “para coñecer o vangardista proxecto de musealización inaugurado a semana pasada xa que, ata o 25 de maio, mantemos as xornadas de portas abertas gratuítas”.

Plan de práctica laboral na Rede de Oficinas de Turismo Rías Baixas

Hoxe publícase no Boletín Oficial da Provincia unha nova convocatoria de dez bolsas de práctica laboral destinadas a persoas con titulacións relacionadas co turismo para a Rede de Oficinas de Turismo Rías Baixas.
Este ano, como novidade, “engadimos ao Grao ou Diplomatura en Turismo e aos ciclos superiores de formación profesional en Información e Asistencias Turísticas e en Guía, Información e Asistencias Turísticas, o certificado de profesionalidade en Promoción Turística Local e Información ao visitante abrindo, deste xeito, máis o campo das titulacións”, tal e como informou a presidenta provincial.

As bolsas de práctica laboral para a Rede de Oficinas de Turismo Rías Baixas teñen unha dotación económica de 840 euros ao mes para persoas graduadas e diplomadas, 740 para técnicas superiores e 640 para as que accedan á bolsa co certificado de profesionalidade. As persoas interesadas en participar no proceso selectivo deberán presentar a solicitude nun prazo de dez días naturais contados a partir de mañá mércores, 23 de maio.

Deja un comentario